DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito do convenio de colaboración entre a Universidade e a Real Federación Española de Ciclismo

O campus acolle o primeiro curso federativo sobre ciclismo impartido nunha universidade española

Esta especialización supón novas oportunidades laborais, sobre todo no contexto social

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 14/06/2012

O convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Real Federación Española de Ciclismo, RFEC, no curso pasado comeza a dar os seus froitos. Dende este xoves ata o vindeiro sábado, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle un curso especialista sobre ciclismo, o primeiro impartido pola RFEC nunha universidade española. Os preto de 30 alumnos e alumnas inscritos conseguirán ao remate desta xornada un título oficial de nivel II “que os capacita para dirixir un equipo ou unha escola de ciclismo a nivel rexional”, explica o profesor Óscar García, impulsor da colaboración coa federación.

Un dos principais obxectivos deste curso especialista é facilitar ao alumnado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte unha formación complementaria que permita ampliar as súas saídas laborais. Segundo o profesor Gonzalo Guardado, director da escola nacional de adestradores da RFEC, un dos nichos de traballo con máis potencial para os especialistas neste eido son os ximnasios que ofrecen actividades de ciclismo indoor. “Non concibo un centro deportivo sen un titulado que coordine e programe as actividades que alí se imparten e que achegue formación non só ao monitor, senón ao usuario”, sobre todo no referido a prácticas que requiren certa intensidade, como o spinning. “As actividades de fitness non contan con titulacións oficiais polo que a RFEC organiza estes cursos de nivel I e II para que o alumno poida acreditar as súas competencias para desempeñar ese labor”, apunta o profesor García que recoñece que é un sector con posibilidades de inserción laboral, “cunha gran demanda en Estados Unidos e que en Europa aínda vai acadar cotas maiores”.

Unha Universidade “valente e áxil”

Tanto o profesor Óscar García como o propio Guardado destacan o compromiso que a Universidade de Vigo manifestou co ciclismo, “sendo a primeira interesada de verdade en traer ás facultades este deporte”, declara o membro da RFEC. Por riba de todo, o docente do centro pontevedrés salienta a valentía e a axilidade da institución “para achegar ao seu alumnado unha formación complementaria e especializada, unha vantaxe indiscutible nestes tempos que corren”, puntualiza. Guardado e García consideran ademais que este tipo de cursos axudan “a que o estudo do ciclismo se introduza nas facultades e que o alumnado, ademais de practicalo e coñecelo polos medios de comunicación, o trate dende dentro”.

O seminario, de 25 horas de duración, conta cos principais expertos da RFEC para impartir unha formación especialista centrada no adestramento e nos aspectos técnico e táctico de cada modalidade de ciclismo. Así, o profesor Gonzalo Guardado é o responsable da ánalise máis deportiva; José Luis Algarra, responsable de formación da RFEC, disertará sobre a técnica e a táctica para deixar paso mañá venres a Miguel Hernández, seleccionador nacional da modalidade de BMX nos Xogos Olímpicos de Londres e encargado de explicar as particularidades de cada especialidade. Para acceder ao título superior que capacite ao alumnado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte a adestrar ou dirixir equipos de ciclismo a nivel nacional, unicamente terá que cursar o bloque específico do curso de nivel III ao rematar a titulación, “xa que as demais competencias xa as foron adquirindo durante os catros anos universitarios”, aclara Guardado.