DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será na Facultade de Educación e Traballo Social os días 16, 17 e 18 de novembro

O campus acollerá o 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación

Nel crearase a Rede de Iniciativas do PCI da Raia Portugalega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 24/10/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá os días 16, 17 e 18 de novembro o 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación, que ten por lema Ponte entre escola e sociedade. A temática elixida ten en conta que neste 2023 cómprense 20 anos da aprobación da convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI). Ao longo das tres xornadas reflexionarase sobre os efectos da súa aplicación despois de dúas décadas de funcionamento e sobre a identificación, valoración, interpretación e dinamización deste patrimonio a través da educación.

O encontro está organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo; polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense; por Ponte...nas ondas!, oenegué consultora acreditada pola Unesco desde 2015 e recoñecida en 2022 como modelo de boas prácticas do PCI na Unesco; e pola Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), en colaboración con entidades, universidades e outras organizacións. A presentación do congreso tivo lugar este martes no pazo provincial de Ourense, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus, Xosé Manuel Cid; a directora xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación da Xunta, Mª del Carmen Martínez; o presidente de Ponte...nas ondas!, Santiago Veloso, e en representación da Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro, Xerardo Pereiro.

O congreso, que terá unha “perspectiva multidisciplinar pero cun enfoque moi educativo”, comezará o día 16 de novembro, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial. Alén de comunicacións, conferencias e mesas redondas sobre patrimonio cultural inmaterial e exemplos do seu uso educativo, no evento tamén se fará a sinatura de protocolo e compromiso de participación na Rede de Iniciativas do PCI da Raia Portugalega. Trátase da creación dunha rede de experiencias no ámbito do patrimonio cultural inmaterial á que están convidadas preto de 90 entidades (museos, asociacións, etc) dos concellos da “raia”, co obxectivo de que “se coñezan, intercambien experiencias, se realicen formacións e, en definitiva, sexa útil para a sociedade”. A programación rematará o día 18 cunha visita a Vilarelho (Chaves, Portugal).