DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XIV edición do simposio 'El Ojo de Polisemo' terá lugar na FFT entre os días 7 e 9 do próximo mes

O campus acollerá en marzo un congreso para reivindicar que “toda literatura é grande en tradución”

Reunirá os premios nacionais Marilar Aleixandre, Mª Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Helena Cortés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 20/02/2024

O campus de Vigo converterase o vindeiro mes de marzo no epicentro da tradución e da literatura coa celebración da XIV edición do congreso El Ojo de Polisemo. A cita itinerante da Asociación ACE Traductores está organizada este ano polo Departamento de Tradución e Lingüística e pola Facultade de Filoloxía e Tradución e desenvolverase os días 7, 8 e 9 de marzo, co apoio de Cedro e do Concello de Vigo. Como explican dende o comité organizador, o lema elixido para esta edición é Tradución e Multilingüismo. Toda literatura é grande en tradución e centrarase “nas literaturas e combinacións lingüísticas menos habituais, pero necesarias”. Ademais, como en anos anteriores, as persoas  asistentes tamén poderán afondar noutras temáticas "como os inicios profesionais, de dereitos de autoría e das relacións entre as diferentes profesións do libro”. 

Un foro para conectar o mundo académico e o profesional

El Ojo de Polisemo é un simposio bienal que busca conectar o mundo académico co profesional, amosar os procesos da tradución editorial desde a perspectiva de profesionais da tradución e contribuír á formación de calquera persoa interesada neste sector. O seu carácter itinerante levouno xa a pasar por cidades como Madrid, Barcelona, Córdoba, Murcia, Salamanca, Donostia, Castelló, Granada, Alacante e Málaga, ata arribar agora por primeira vez a Vigo. En cada edición o obxectivo é proporcionar ás persoas asistentes unha panorámica dos procesos que implica a tradución editorial dende o punto de vista de profesionais da tradución e da interpretación, en moitos casos con formación nestas facultades e mesmo con docencia nelas.

A organización agarda a asistencia de arredor dun cento de persoas, entre estudantes, docentes, tradutores e tradutoras e outras persoas relacionadas con este eido, como escritores e escritoras, persoal de bibliotecas, editores e editoras, etc. No congreso participarán destacadas figuras da tradución, como a tradutora e profesora da Universidade de Vigo Helena Cortés, que será a encargada da conferencia inaugural, na que falará sobre El Diván de Oriente y Occidente, de Goethe, por cuxa tradución obtivo o Premio Nacional de Tradución en 2021. Outro importante profesional que participará neste evento é Alberto Avendaño, xornalista, tradutor e académico correspondente da Academia Norteamericana de la Lengua Española, que intervirá na mañá do venres.

Os aspectos profesionais terán o seu lugar nas sesións Citas con outras literaturas I e II (xoves 7 ás 12.00 h e venres 8 ás 17.45 h), As engrenaxes do libro (xoves 7 e venres 8 ás 15.30 h) e Por onde empezar (venres 8 ás 10.00 h), así como na intervención de Pedro Sánchez, director do Departamento de Socios do Centro Español de Derechos Reprográficos, Cedro, (xoves 7 ás 16.30 h) sobre a Lei de propiedade intelectual e as entidades de xestión. 

A organización ten prevista a participación nestes encontros de profesionais de relevancia como Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), xunto a profesionais de longa traxectoria e estudantes de Tradución e Interpretación cos que as persoas asistentes terán ocasión de departir sobre combinacións lingüísticas, revisión, ilustración, distribución, dereitos, librarías e premios. Ademais, tamén coñecerán de primeira man como se xestaron e realizaron as traducións de clásicos como Goethe, Joyce ou Tolkien; de premios Nobel como Annie Ernaux ou de autorías contemporáneas relevantes coma Andrea Camilleri ou mesmo o Harry Potter de J.K. Rowling. 

O programa do congreso completarase con varias actividades sociais, como a entrega do V Premio de Tradución Universitaria Valentín García Yebra (venres 8 ás 16.45 h), un recital poético multilingüe de Claudio Rodríguez Fer cun poema traducido a máis de 60 linguas (venres 8 ás 19.00 h), unha ruta literaria guiada do libro O último barco, de Domingo Villar (sábado 9 ás 10.00 h)  e dúas exposicións na Facultade de Filoloxía e Tradición durante todo o congreso sobre Humor e toponimia galega e Traducións galegas. 

Unha mesa redonda con premios nacionais

Aínda que boa parte das actividades do programa se desenvolven na Facultade de Filoloxía e Tradución, o congreso abrirase ao público xeral cunha mesa redonda que terá lugar o primeira día, 7 de marzo ás 19.00 horas, na sede institucional da UVigo na cidade, o edificio Redeiras. Esta cita permitirá que a cidadanía asista a unha conversa sobre Traducións e literaturas de premio na que participarán destacadas figuras do mundo literario e da tradución merecedoras de importantes galardóns, como Marilar Aleixandre escritora, tradutora e Premio Nacional de Narrativa 2022; María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo, que obtiveron o Premio Nacional de Tradución 2014 pola versión en galego do Ulises de Joyce, e Moisés Barcia, director de Rinoceronte editora. 

A matrícula, aberta ata o 6 de marzo

O prazo de matrícula para asistir ao congreso está aberto ata o 6 de marzo. Entre as persoas participantes sortearase un lote de libros e, entre o alumnado matriculado, un curso de tradución de Cálamo&Cran, unha licenza anual do programa de tradución asistida por computador MemoQ e doutra de Phrase. O programa detallado do congreso pode consultarse neste enlace