DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá unha xornada sobre as achegas das TIC para autonomía persoal de discapacitados

Desenvolveranse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os días 21 e 22 de xuño

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Rio DUVI 18/06/2010

As múltiples aplicacións das Tecnoloxías da Información e Comunicación teñen tamén un importante desenvolvemento no eido da accesibilidade e autonomía persoal de persoas con discapacidade. Estas ferramentas poden permitir mellorar sensiblemente a vida de aqueles que teñan por exemplo problemas auditivos, visuais ou motores pero para chegar a un emprego xeneralizado é preciso coñecer tanto as necesidades destas persoas como as potencialidades destas aplicación. Este é o obxectivo das Xornadas de e-Accesibilidade: promovendo a autonomía persoal que se van a desenvolver a vindeira semana, os días 21 e 22 de xuño, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación baixo a organización da Universidade de Vigo en colaboración coa Fundación Vodafone e Gradiant. Segundo apunta a directora da escola, Edita de Lorenzo, este é o primeiro evento deste tipo que se organiza na Universidade e tamén en Galicia.
Ao longo de dous días intervirán 14 poñentes “ben representativas tanto de grupos de investigación de distintas universidades como da Fundación ONCE, Fundación CNSE, Fundación TECSOS, e da propia Fundación Vodafone”, apunta De Lorenzo.

Achegar as necesidades reais aos investigadores

Esta actividade está destinada tanto a investigadores do ámbito TIC como a profesorado e alumnado da Universidade, pero especialmente pensada para todas aquelas persoas que por traballo ou relación persoal teñan que ver con problemas de discapacidade (auditiva, visual, motora, ...) ou con asistencia a persoas maiores. “Trátase de poñer preto as necesidades e a quen está a traballar buscando solucións, de xeito que se vexan os resultados pero tamén que xurdan ideas para axudar a estes colectivos, e por ende, a toda a sociedade cos avances tecnolóxicos que se están a desenvolver nestes momentos no ámbito TIC”, explica a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Sobre a colaboración coa Fundación Vodafone, Edita de Lorenzo, engade que “é un bo punto de comezo para todo tipo de colaboracións entre os diferentes grupos de longa traxectoria nestas áreas” e destaca as posibilidades que se poden abrir nos eidos da difusión e divulgación pero tamén na investigación e traballo en colaboración da parte TIC coas persoas que por traballo ou necesidade están mais preto dos problemas a solucionar”.

Contidos

Os poñentes presentarán nestas dúas xornadas diferentes achegamentos ás Tecnoloxías da Información e Comunicacións e a súa contribución na mellora da calidade de vida independente. Deste xeito afondarase en temas como interfaces intelixentes, contornas de teleasistencia baseados en redes de sensores e gateways fixos e móbiles, videoatención, telecoidado, radiolocalización ou sistemas multimodais así como unha mesa sobre universidade e accesibilidade.