DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao coincidir a data inicial coa convocatoria de folga contra a reforma universitaria

O campus adía a celebración do Día da Auga para o 25 de marzo

Acollerá actividades para dar a coñecer a investigación realizada ao abeiro do Campus da Auga

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 11/03/2015
Tras as protestas contra a reforma universitaria a finais do mes de febreiro, os sindicatos de estudantes chamaron a unha nova xornada de folga na que participaran persoal docente e investigador e de administración e servizos o vindeiro 24 de marzo. Para evitar que coincida con esta convocatoria, o campus de Ourense decidiu adiar un día a xornada de portas abertas, trasladando ao día 25 de marzo a realización de todas as actividades programadas para celebrar o Día Mundial da Auga.

Mantense a programación

O campus de Ourense quería conmemorar esta data con diferentes actos para divulgar entre estudantes de Secundaria e Bacharelato todas as actividades que se realizan dentro do campus ourensán, orientando aos estudantes sobre o seu futuro universitario dándolles a coñecer as liñas de investigación que se están a desenvolver por exemplo ao abeiro do Campus da Auga. Por iso, tras unha recepción oficial que contará coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, os seis decanos e directores dos centros que configuran o campus de Ourense explicarán aos asistentes tanto as titulacións que se imparten como as súas posibles saídas profesionais e persoal da comunidade universitaria presentará as diferentes instalacións do campus e a súa programación cultural e deportiva.

A media mañá, docentes e investigadores organizarán sesións teóricas e prácticas nas que presentarán algunhas das liñas de investigación nas que se están traballando e que teñen a auga como protagonista. Por exemplo, o director do grupo EPhysLab Moncho Gesteira falará sobre o proxecto de simulación do comportamento da auga, o profesor de xeoloxía José Ángel Cid sobre Ourense como terra de augas termais e a decana e investigadora do grupo GEAAT H2OU Susana Reboreda sobre a relación entre auga e historia. Xa na parte interactiva da visita, os asistentes pasarán aos laboratorios de bromoloxía, microbioloxía e arqueoloxía das facultades de Ciencia e Historia, os dous centros que este ano capitalizan as actividades no Día Mundial da Auga.

Concurso de fotorrelatos

O campus complementará as actividades co gallo do Día Mundial da Auga coa celebración dun concurso de fotorrelato chamado Auga con Historia. A idea é que os participantes, estudantes de Secundaria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra, presenten unha fotografía acompañada dun texto dunhas 100 palabras que promova ou visibilice o patrimonio histórico, artístico, etnográfico, cultural... relacionado coa auga. Ata o 16 de marzo, todos os interesados poden enviar as súas propostas por correo postal ordinario á Vicerreitoría do campus de Ourense ou por correo electrónico a campusdaauga@uvigo.es.

O xurado valorará a relación entre imaxe e texto e elixirá aos tres gañadores. Os agasallos do primeiro e segundo clasificado serán cedidos pola empresa ourensá de base tecnolóxica Primus, colaboradora do evento; o terceiro será achegado polo Concello de Ourense. A entrega de premios celebrarase o mesmo 24 de marzo, antes da clausura do acto. A xornada de portas abertas poderá completarse ademais coa visita e baño nas instalacións termais de Outariz ou das Burgas de Canedo, para o que o concello de Ourense facilitará o transporte, ademais de apoiar a iniciativa coa ampliación de horarios da estación termal de As Burgas a fin de semana do 21 e 22 de marzo.