DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de matrícula para os 15 obradoiros que se ofertan este cuadrimestre

O campus anímase cunha ampla oferta cultural e lúdica

Este martes celebrarase unha xornada de benvida ao alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 24/09/2012

Entre materia e materia, a actividade cultural ten un papel destacado na vida universitaria do campus de Ourense. Para comezar 2012/2013 con bo pé, este luns presentouse a programación de obradoiros de extensión cultural que este cuadrimestre se impartirán no campus. Son 15 propostas que abranguen desde a formación en teatro e danza ata o djembé e a fotografía. Ademais, e para dar a benvida ao novo alumnado e ao novo curso, este martes celebrarase unha xornada lúdica que, baixo o título Campus Animado 2012, amosará aos participantes os recursos que teñen á súa disposición na Universidade.

A programación foi presentada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus, e Julia de la Montaña, docente e membro da Comisión do Campus ConVida. “A Universidade non é só un lugar onde formar ao alumnado en contidos, senón tamén en competencias, en habilidades e en saúde, en facelos mellores persoas en definitiva”, salientou María Lameiras durante a presentación das actividades culturais.

Obradoiros

Filemón Rivas foi o encargado de presentar a oferta de obradoiros deste cuadrimestre, que “ten por obxectivo ampliar a formación académica dos membros da comunidade universitaria e de fóra dela”. En total, ofértanse 15 obradoiros, con seis novidades. As novas incorporación son talleres do instrumento musical djembé; de arte e maxia; de fotografía; de pintura ao óleo, de iniciación á construción de instrumentos musicais, que se impartirá na Deputación Provincial de Ourense, e para mediadores na promoción e a educación para a saúde. Os obradoiros que se repiten son as catro aulas de teatro universitario (Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Gepetto); o de gaita galega; o de xeroglíficos; o de supervivencia, técnicas de escalada e rappel; o de prevención de riscos laborais e o de danza.

O prazo para inscribirse está aberto, tanto para os membros da comunidade universitaria coma para público xeral, desde o 24 de setembro ao 5 de outubro. O prezo varía en función do colectivo ao que se pertenza, sendo 40 euros para o público xeral, 30 para a comunidade universitaria e 20 euros para os bolseiros.

Campus Animado 2012

Pola súa banda e segundo explicou Julia de la Montaña, a xornada Campus Animado 2012 desenvolverase ao longo do martes no campus de Ourense. Durante todo o día celebrarase a Feira do Campus ConVida, que consistirá na colocación en diferentes centros universitarios duns postos nos que se traballará coas persoas interesadas diferentes aspectos de mellora da súa vida, tanto no eido físico coma psicolóxico. Ademais, pola mañá no Edificio Politécnico e pola tarde no Xuridico-Empresarial, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas, como sesións abertas de taichi e fitball, obradoiros de petiscos saudables e unha actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense. Para pechar esta xornada, que ten por obxectivo principal estreitar os lazos entre os membros da comunidade universitaria e de fóra dela, ás 20.00 h a sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro acollerá un concerto do Odaiko Percussion Group.