DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acollerá en marzo un Obradoiro de Emprego e Emprendemento

O campus apoia con formación a creación e consolidación de empresas

Tamén se celebrará un curso para mellorar as iniciativas de base tecnolóxica

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/02/2012

Nun momento de crise económica coma o actual as empresas enfróntase cada día ao reto de sobrevivir e as persoas desempregadas atópanse coa dificultade de que case non hai ofertas de traballo ás que presentarse. Para, desde o ámbito académico, pór un gran de area e contribuír a mellorar esta situación a través da formación, o campus de Ourense acollerá os vindeiros meses un Obradoiro de Emprego e Emprendemento e un Curso de Consolidación de Empresas de Base Tecnolóxica EBTs.

A iniciativa de emprego e emprendemento forma parte da programación de obradoiros do segundo cuadrimestre do campus de Ourense e está organizado pola Fundación Universidade de Vigo FUVI e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. “Nel desenvolveranse tanto técnicas de busca de emprego e habilidades persoais coma contidos necesarios para a posta en marcha dunha empresa, dende o orixe da idea ata a súa creación”, explica Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense.

Durante as 30 horas de duración do curso, técnicos da FUVI e da Oficina de Iniciativas Emprendedoras da Universidade de Vigo explicarán aos asistentes como nace unha boa idea empresarial, como analizar a súa viabilidade, como facer un plan de empresa e como presentar o seu proxecto, entre outras cuestións. Ademais, varios emprendedores explicarán de primeira man a súa experiencia persoal na creación dunha empresas. O obradoiro, que é de balde, conta con 25 prazas dispoñibles tanto para membros da comunidade universitaria coma de fóra dela.

O segundo paso, a supervivencia

Tras emprender un proxecto empresarial vén o difícil momento da súa consolidación, de conseguir asentar unhas bases estables que garantan a súa supervivencia e desenvolvemento. Para axudar aos empresarios nesta tarefa, o campus de Ourense acollerá desde marzo un Curso de Consolidación de Empresas de Base Tecnolóxica EBTs, que se realiza ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo, a Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Escola de Organización Industrial.

O curso, tamén de balde, está neste caso dirixido fundamentalmente a responsables e técnicos de pemes de base tecnolóxica, spin-off e centros tecnolóxicos que desexen mellorar a súa xestión tanto en aspectos empresariais como tecnolóxicos e a responsables de empresas tradicionais que queiran transformar os seus negocios en empresa de base tecnolóxica.

O obxectivo deste programa é conseguir que se realice un proxecto viable a partir dunha idea de empresa EBTs inicial. Deste xeito, os participantes analizarán as principais áreas funcionais da empresa cunha visión sistemática e integradora; coñecerán a situación actual, a tendencia e os modelos de negocio así como a problemática específica de xestión tecnolóxica das empresas de base tecnolóxica e desenvolverán un proxecto de mellora dentro do ámbito de actuación das tecnoloxías. A duración estimada do curso, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, é de 4 meses, cunha fase formativa de 48 horas lectivas e unha fase de titorización de proxectos de 15 horas.