DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Xunta asinaron un convenio para a súa construción por un importe de 4,5 millóns

O Campus da Auga contará cun edificio de 3600 metros cadrados que estará operativo en 2017

Situado na parcela entre a piscina e o Edificio Xurídico-Empresarial, destinará 1000 metros a labora

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 10/12/2014
Paso definitivo para facer realidade o Campus da Auga. Universidade de Vigo e Xunta de Galicia asinaron este mércores en Ourense un convenio de colaboración para a construción e desenvolvemento do edificio que albergará a sede e as instalacións deste campus de especialización, un centro de preto de 3600 metros cadrados que se construirá na parcela situada entre a piscina e o Edificio Xurídico-Empresarial na zona sur do campus de Ourense. En total, un investimento de 4,5 millóns de euros para un edificio que contará con 1000 metros cadrados de laboratorios e plantas piloto con equipamento específico nos que dar acubillo aos 40 grupos con 341 investigadores e investigadoras que xa están a desenvolver as súas liñas de traballo arredor da temática da auga. O centro albergará ademais a sede corporativa do Campus da Auga, o centro de supercomputación, aparcadoiro e 900 metros cadrados dedicados a usos xenéricos, como reunións ou intercambios empresariais.

Coa sinatura deste convenio ponse fin a unha etapa iniciada en 2012 e que agora continúa cos traballos preparatorios para que en 2015 estea finalizado o proxecto de construción, que sairá a concurso o vindeiro ano e co que se espera ter rematadas as obras en 2017. “Deste xeito acaba o proceso co que se iniciaba un camiño de futuro prometedor non só para o campus de Ourense, senón para a cidade e a provincia”, asegurou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, para quen esta especialización servirá non só para “consolidar o campus nun momento económico delicado, senón tamén para darlle contido, resposta social e crear futuro”.

Talento arredor de dous clúster

O novo edificio albergará os labores de investigación dos dous clústers nos que se agrupa “o talento investigador” que traballará “como fábricas de proxectos de I+D” arredor das temáticas desenvolvidas no Campus da Auga, un moi centrado en alimentación, medio ambiente e TICs e outro na xestión da auga como recurso, na innovación social e educativa, no turismo e no patrimonio cultural. Clusters que xa están a dar os primeiros pasos para a captación de proxectos e recursos a nivel internacional e que pretenden enlazar a investigación coa sociedade civil e todo o seu tecido socioeconómico.

Para iso, a Universidade de Vigo e a Confederación de Empresarios de Ourense crearán unha unidade de traballo mixta de transferencia de coñecemento “cunha metodoloxía moderna e áxil que permita que o noso talento e a nosa potencialidade axude aos sectores empresariais traballando baixo demanda, é dicir, definindo proxectos e retos aos que eles queiran darlle resposta”, como salientou o reitor.

Por outra banda, nese camiño paulatino de especialización o Campus da Auga xa está a traballar en ofertas académicas de carácter internacional a través das dobres titulacións con universidades de outros países e un programa de doutoramento arredor da temática da auga “que sexa unha marca de referencia internacional co que atraer talentos a Ourense”.

Primeira especialización dun campus non central

A Universidade de Vigo aposta polo Campus da Auga como un proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación destinado á transferencia da tecnoloxía ao mundo empresarial no campus de Ourense a partir dun recurso tan específico como a auga. “Para a Universidade de Vigo é unha aposta estratéxica para situarse no primeiro plano internacional e converterse nun polo de atracción da contorna, pero para a Xunta é a oportunidade de deseñar un novo mapa de campus universitarios que consoliden as capacidades máis salientables da investigación galega”, destaou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad.

O Campus da Auga supón a primeira iniciativa de especialización dun campus non central do Sistema Universitario de Galicia e unha “experiencia pioneira no conxunto do Estado”. Co convenio asinado este mércores, Universidade de Vigo e Xunta “definen un novo rumbo en Ourense que afecta a aspectos como a investigación, a formación, a transferencia e a internacionalización nese camiño por conseguir que a cidade teña un campus líder en temas de auga”.