DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato explicou no Consello do Campus de Ourense as xestións que se están a realizar

O Campus da Auga dá os seus primeiros pasos

Tamén salientou os bos resultados de matriculación nos centros ourensáns, cunha ocupación do 92% das

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 25/10/2011
Un proxecto estratéxico para a Universidade de Vigo e para a cidade de Ourense que integrará o traballo que se realiza e se pode chegar a realizar no campus de Ourense tendo como eixe central a auga e como obxectivo a dinamización da contorna socieconómica. Esta é a idea que move o proxecto do Campus da Auga, un proxecto que comeza a dar os seus primeiros pasos co obxectivo de deixar de ser un desexo a ser unha realidade. Os membros do Consello do Campus de Ourense puideron escoitar este martes de boca do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, as primeiras xestións que se están levando a cabo para recoller de institucións estatais e europeas a receptividade ao proxecto Campus da Auga e enfocar axeitadamente o seu deseño nesta fase preliminar.

O reitor, como presidente do Consello do Campus, informou dos primeiros pasos que se están a dar no proxecto aos asistentes, entre os que estaban Xosé Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; os responsables dos centros universitarios ourensáns e os representantes do PDI, PAS e estudantado do campus. Nestes primeiros pasos, Salustiano Mato salientou que se presentou unha preproposta ou expresión de interese do Campus da Auga ao Fondo Tecnolóxico, xestionado polo CDTI-Ministerio de Ciencia e Innovación, e a instancias que xestionan fondos europeos.

“En función da resposta que recibamos empezaremos a desenvolver o proxecto e a traballar cos grupos de investigación para o seu deseño. Antes de pór a traballar á nosa xente temos que valorar cales son os puntos fortes do Campus da Auga e a súa elixibilidade de cara á captación de fondos”, explicou Salustiano Mato. Recibido ese retorno, explicou, chegará o momento de traballar cos grupos de investigación da Universidade “neste proxecto colectivo”, desenvolvendo as grandes áreas e eixes temáticos que estruturarán a iniciativa. “O fundamental é darlle a este proxecto unha fortaleza e unha singularidade específica na contorna galega, estatal e incluso na macrorrexión Galicia-Norte de Portugal, para converter ao Campus da Auga nun proxecto de gran potencialidade", advertiu.

Emilio Atrio, mención de honra

Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo ata datas recentes, tamén tivo un protagonismo especial nesta sesión do Consello do Campus de Ourense. Os seus membros decidiron outorgarlle unha mención de honra deste Consello “porque durante os anos que estivo ao fronte do Consello Social da Universidade realizou un traballo moi destacable polo campus de Ourense”, explicou Salustiano Mato. O reitor quixo destacar que Emilio Atrio “foi unha persoa clave na consolidación das relacións entre a Universidade de Vigo e a sociedade e institucións ourensás, sendo envexable a relación que temos con entidades como o Concello e a Deputación de Ourense en boa parte grazas ao seu papel".

A matriculación neste curso

Durante a reunión do Consello do Campus de Ourense, o reitor tamén salientou os bos resultados de matriculación nos centros universitarios ourensáns, a falla de rematar o derradeiro prazo de matrícula. “Cun 92% de ocupación a porcentaxe de matriculación neste campus continúa o seu bo ritmo e incluso supera a media da Universidade de Vigo, que está arredor dun 90%”, apuntou Salustiano Mato. Alén das titulacións que acadaron esgotar as prazas ofertadas, o reitor tamén quixo salientar a mención cara a excelencia de diferentes títulos de mestrado e doutoramento impartidos en centros ourensáns.