DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Virxilio Rodríguez e José Antonio Fraiz, participan en Arxentina en Termatalia 2014

O Campus da Auga presenta as súas credenciais doutro lado do Atlántico

Establecéronse contactos con universidades arxentinas, mexicanas e costarricense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/10/2014

O Campus da Auga prosegue o seu proceso de internacionalización, e se hai unhas semanas confirmouse que protagonizará unha das primeiras liñas de traballo coas que arrancará a colaboración entre as universidades de Tras-os-Montes e Alto Douto e o Instituto Politécnico de Porto e a institución académica viguesa, agora ,o sinal de identidade da especialización do campus de Ourense, dá o salto ao outro lado do Atlántico para darse a coñecer ao abeiro de Termatalia 2014, a Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar, que se celebra en Termas de Río Hondo, Arxentina. “Isto supón a concreción do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Fundación Feiras e Exposición de Ourense, Expourense, o pasado mes de setembro co obxectivo de estreitar a colaboración entre ambas institucións e permitir ao Campus da Auga ter unha presenza destacada en Termatalia”, explica desde o país austral o vicerreitor do campus de Ourense. Virxilio Rodríguez e o coordinador do Máster en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde, José Antonio Fraiz, conforman a delegación do campus ourensán en Termatalia, na que tamén participan representantes doutras institucións galegas como o concello de Ourense e a Xunta.

O Campus da Auga conta no recinto feiral, no que se dan cita 230 expositores, procedentes dunha vintena de países, cun stand exclusivo no que, ademais dun acto de presentación á prensa internacional, establécense os contactos coas institucións e co público en xeral interesados no proxecto. Ademais o Campus encárgase de coordinar as comunicacións científicas que se presentan nunha sesión da feira internacional de turismo.

Unha gran oportunidade, tamén, para dar o coñecer o campus de Ourense

“Fundamentalmente o noso obxectivo é presentar o Campus da Auga a universidades latinoamericanas presentes en Termatalia, pero tamén nos está a servir para dar a coñecer os títulos e grao, posgrao que xa se imparten, así como os grupos de investigación do campus a administracións públicas, empresas, profesionais do sector do turismo-termalismo, que están interesados en formarse connosco ou ben en contar cos servizos dos investigadores da Universidade en materia de auga, medioambiente ou desenvolvemento sostible”, sinala Virxilio Rodríguez. Entre os contactos realizados estes días para dar a coñecer o Campus da Auga, o vicerreitor do campus de Ourense, destaca o mantido coas autoridades arxentinas, tanto do goberno da nación, como da provincia de Santiago del Estero. Mentres, no caso das institucións académicas, establecéronse contactos con universidades arxentinas, pero tamén de México e Costa Rica, que “se amosaron moi interesadas no proxecto do Campus da Auga e na posibilidade de enviar a alumnos ao campus de Ourense para continuar estudos de prograo, máster ou doutoramento”, explica o vicerreitor, que fai unha valoración moi positiva do seu paso por Termatalia.

Aínda que a feira internacional rematará este sábado, a delegación de Campus da Auga, aproveitando o seu paso por Bos Aires, manterá reunións o vindeiro luns con representantes das universidades de Buenos Aires y de La Matanza, para explicarlles os proxectos e as posibilidades que este ofrece para os seus estudantes, docentes e investigadores.

Un proxecto “totalmente singular”

A singularidade do proxecto de Campus da Auga, foi unha das primeiras constatacións realizadas pola delegación do campus de Ourense desprazada a Termatalia 2014. “Este proxecto da Universidade de Vigo é totalmente singular, xa que non existe por parte de ningunha outra universidade unha oferta semellante”, confirma Virxilio Rodríguez, que se amosa moi satisfeito da acollida que está a ter entre o público, profesionais e estudantes que estes días están a participar no certame, e que “ven a importancia deste recurso natural e da súa adecuada xestión e explotación e comprenden inmediatamente a necesidade de abordar estudos sobre este elemento de forma multidisciplinar”, explica o vicerreitor.