DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os CAEF cifran nun 80% o seguimento do paro

Un campus baleiro para denunciar a subida das taxas de matrícula

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI DUVI 31/10/2007

Mobilizacións e aulas baleiras marcaron a xornada de folga convocada para este mércores polos CAEF en contra da subida das taxas académicas. O respaldo á convocatoria foi masivo nos tres campus da Universidade de Vigo, segundo a valoración dos representantes do Comités Abertos de Escola e Facultade. A presenza dos estudantes nos centros foi moi reducida, con excepción das bibliotecas e algúns centros como a Facultade de Dereito no campus de Ourense.
O obxectivo desta folga, convocada nas tres universidades galegas, é denunciar a subida das taxas de matrícula aprobada pola Xunta, que para os CAEF “é excesiva xa que está 2 puntos por riba do IPC galego”.
Segundo Francisco Quintela, responsable dos CAEF en Vigo, “o seguimento foi bastante importante, en xeral sobre o 80%, aínda que algunhas facultades como Ciencias Económicas e Empresariais ou Filoloxía e Tradución cremos que chegou ao 100%”. Para Quintela “foi máis ou menos o que agardábamos pero agora o que queda é que o éxito desta convocatoria sirva para que os responsables actúen ao respecto”.
En Vigo, a pesar de que as clases estaban baleiras, algúns alumnos aproveitaron para achegarse ata o campus. Segundo explicaba Lorena, alumna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, “ao non asistir á clase temos tempo para ir preparando traballos que temos que entregar e comezar a estudar para os exames de decembro”.

As reivindicacións dos CAEF

As subidas das taxas nos últimos 5 anos tradúcese nun aumento medio de 120 euros no importe total da matrícula. Segundo os CAEF, este datos demostran que o aumento ano tras ano si se nota no incremento da contía global. A subida das taxas académicas para o vindeiro curso anunciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tradúcese nun incremento dos prezos que dobra o IPC galego. Segundo o sindicato estudantil estas subidas veñen sucedéndose nos últimos seis anos, toda a lexislatura pasada o a metade desta.
Outra das reivindicacións dos CAEF refírese á falta de control que o goberno galego ten sobre as bolsas que eximen de pagar as taxas, xa que estas dependen directamente do Ministerio de Educación.
Po outra banda, o incremento das segundas ou terceiras matrículas tamén é outra das denuncias dos estudantes. A segunda matrícula é un 15 máis cara que a primeira, mentres que a terceira elévase a un 35 máis.