DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do Programa de Voluntariado

O campus e a cidade abren as portas á solidariedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI DUVI 25/10/2007
As iniciativas solidarias chegan ao campus a través do Programa de Voluntariado, dirixido aos membros da comunidade universitaria que dispoñan dun mínimo de dúas horas semanais para colaborar nos proxectos deseñados. Como complemento da formación humana e poder levar a cabo as tarefas dun xeito máis eficaz, os interesados serán instruídos tanto en temas xerais como específicos da materia na que colaboren, ademais, como recompensa, estes cursos serán validables por créditos de libre configuración nos casos en que proceda.
Como cada ano, a encargada da organización é a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, por medio das Oficinas de Voluntariado e Integración presentes nos tres campus universitarios. E as liñas de actuación son dúas: proxectos propios e externos.

 

Proxectos propios

Persoas con discapacidade física e psíquica, inmigrantes e colectivos desfavorecidos reciben os beneficios das accións que a Universidade pon en marcha como propias. A isto súmanse iniciativas que buscan a sensibilización e a creación dunha cultura solidaria entre a cidadanía.

Proxectos en convenio con outras asociacións

Cruz Vermella, Caritas, Afaor, Amigos da Terra, Aixiña, Aspanas, Down Ourense, Hospital Santa María Nai e a Asociación de escleroses múltiple son as entidades coas que a Universidade se alía para levar a cabo accións como clases de alfabetización, teleasistencia, campañas ambientais, rehabilitación física, obradoiros, saídas de ocio ou centros de acollida, entre outras moitas. Neste caso, o espectro de beneficiarios abarca colectivos de emigrantes e inmigrantes retornados, terceira idade, persoas con discapacidade, enfermos de alzheimer, e infancia e xuventude.

Máis información