DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cambiará de nome pero manterá a súa identidade: o fomento de hábitos de vida saudables

O Campus ConVida intégrase no proxecto do Campus da Auga

A partir de agora tamén incluirá cuestións ou actividades relacionadas directamente coa auga e a saú

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 18/12/2014
Campus da Auga ConVida. Así é como se chama dende hai pouco menos dun mes o Campus ConVida, que cambiou de nome para pasar a integrarse no proxecto do Campus da Auga e así evitar posibles erros nas denominacións. “Era un mandato do Consello de Campus para evitar confusións coas nomenclaturas dos campus de especialización, non só do ourensán, senón do resto existentes”, sinalou o vicerreitor, Virxilio Rodríguez. Deste xeito, este proxecto pasa a formar parte do elenco de actividades culturais, deportivas... do Campus da Auga aínda que cun carácter específico, “polo que se lle mantén o apelido de ConVida”.

Este cambio de nome non supón ningún cambio no espírito da iniciativa, que “mantén a súa sinal de identidade”, un forte compromiso por crear unha contorna educativa que reforce e promova condutas e estilos de vida saudables entre a comunidade universitaria a través da investigación, a formación e a sensibilización. “Ao comezar os dous do mesmo xeito podía dar pé a pensar que se trataba doutra posible iniciativa de especialización como a que está a levar a cabo o campus de Ourense, e non é así”, asegurou Guillermo Santos, coordinador das actividades de Deporte e Saúde do campus ourensán e membro da comisión técnica na que se debateu e elixiu a nova nomenclatura do proxecto.

O mesmo Consello de Campus no que se acordou o cambio de denominación tamén se estableceu que a partir de agora os stands do ConVida que se dispoñan nos distintos centros ou en futuras actividades comezarán a incluír tamén “cuestións relacionadas directamente coa auga e a saúde, como pode ser os beneficios da inxestión de augas mineromedicinais, o uso das termais... e darlle deste xeito un nesgo que complementa o proxecto”, como salientou o vicerreitor do campus de Ourense. Pola súa banda, os técnicos xa están ultimando os detalles para ter lista no vindeiro cuadrimestre a nova imaxe do Campus da Auga ConVida, que unirá os logos das dúas iniciativas.

Proxecto pioneiro

O proxecto naceu no curso 2010/2011 no campus de Ourense como unha iniciativa piloto financiada polo Consello Social tamén co obxectivo de converter á Universidade de Vigo nunha institución referente no compromiso coa mellora da saúde e da calidade de vida e integrada na Rede Española de Universidades Saudables. Primeiro realizouse unha análise da situación para despois deseñar e executar un amplo abano de accións, como os Martes ConVida, distintos obradoiros, as escolas deportivas ou os estudos e enquisas sobre os hábitos de vida dos estudantes universitarios. Foi no curso 2013/2014 cando deu o salto aos campus de Pontevedra e Vigo, poñendo a primeira pedra para chegar a ser un proxecto transversal.

A auga como motor

O ata agora chamado Campus ConVida mergúllase de cheo así no Campus da Auga, un proxecto de investigación e innovación destinado á transferencia da tecnoloxía ao mundo empresarial no campus de Ourense a partir dun recurso tan específico como a auga e converterse nun polo de atracción da contorna. Ademais, esta aposta estratéxica da Universidade de Vigo supón a primeira iniciativa de especialización dun campus non central do Sistema Universitario de Galicia e unha experiencia pioneira a nivel estatal.