DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso aberto á comunidade universitaria

Campus Crea premiará os vídeos que mellor reflictan en TikTok o significado da creatividade

Outorgarase un galardón de 250 euros e dous accésit de 150

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/03/2024

A Universidade de Vigo estreou 2024 lanzando a súa nova canle de TikTok, UVigoShow, que lonxe dunha finalidade informativa, ten un carácter eminentemente de entretemento e diversión. Coincidindo coa posta en marcha desta iniciativa, o Campus Crea decidiu centrar por primeira vez neste rede social o concurso que cada ano promove no marco das actividades da Semana da Creatividade. Dirixido á comunidade universitaria, este certame convida a responder “de maneira divertida e dinámica” á pregunta de “que é a creatividade para ti?” a través de vídeos de non máis de 60 segundos. “Cremos que pode ser unha forma interesante de chegar a máis público”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de Área do Campus de Especialización Crea respecto dun concurso promovido coa colaboración da Deputación de Pontevedra e no que se outorgará un primeiro premio de 250 euros, xunto con dous accésit de 150 euros. 

“O concurso enmárcase dentro da Semana da Creatividade e pretende tamén dar visibilidade ao proxecto do campus de especialización”, engade Fernández Souto do certame que Vicerreitoría e Campus Crea impulsan neste 2024 por primeira vez, tras promover previamente concursos de fotografía en Instagram. Desde este venres e ata o 15 de abril permanece aberta a inscrición neste certame, no que as e os participantes deberán subir os vídeos as súas contas de TikTok, incluíndo na descrición o texto @uvigoshow, así como o cancelo #ConcursoCampusCREA.

Aberto a múltiples tipos de propostas

Segundo recolle a resolución reitoral pola que se convoca este concurso, os vídeos deberán “mostrar a vida do Campus Crea de Pontevedra” e tratar de dar resposta á pregunta de que é a creatividade para eles e elas. “Todo está permitido, desde obras de ate a interpretación, pasando por actuacións, narracións visuais ou calquera outra forma de expresión”, recolle a convocatoria. As pezas non poderán superar os 60 segundos e deberán ser orixinais e inéditas, así como non ter sido premiadas previamente. Terán tamén que estar tamén subtituladas ao galego no caso de que non fosen gravadas neste idioma. 

O xurado valorará a orixinalidade do vídeo, a súa creatividade e o interese e claridade da mensaxe, así como o uso dunha estética e técnicas visuais adaptadas a esta rede social e as iteracións acadadas pola peza. Os premios entregaranse o 26 de abril, coincidindo coa xornada de peche da Semana da Creatividade.