DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comunidade universitaria conmemorou o Día Internacional da Muller resolvendo un pasatempos xigante

O campus 'descobre' dez solucións pola igualdade

A Biblioteca acolleu tamén a presentación do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/03/2012

Equilibrio, cooperación, dereito, inclusión, consenso, tolerancia, xustiza, conciencia, igualdade e equidade. Estas son as 10 solucións pola igualdade que este xoves se descubriron no campus de Ourense nun pasatempos xigante despregado na fachada do Edificio Politécnico. Con esta iniciativa a comunidade universitaria ourensá quixo unirse dun modo orixinal e participativo á conmemoración este 8 de marzo do Día Internacional da Muller.

Dous escaladores, unha muller e un home en representación da igualdade, foron os encargados de unha a unha ir sinalando no macropasatempo colgado do edificio as palabras que o público, reunido ao pé da fachada, ía descubrindo entre a sopa de letras. Unha descuberta de dez solucións para acadar a igualdade que rematou cun aplauso de reivindicación deste dereito. “Non podemos celebrar a igualdade porque aínda non é unha realidade, non está acadada, pero si podemos un día coma hoxe reivindicar que este dereito sexa efectivo”, salientou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.

Álbum de mulleres

Ademais deste macropasatempo, o campus de Ourense acolleu este xoves co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller a presentación do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, a cargo de Mariam Mariño, coordinadora da iniciativa. Durante o acto, no que participaron María Lameiras; Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, e Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade de Ourense, os asistentes puideron coñecer polo miúdo o contido deste portal web, onde se recollen 98 biobliografías doutras tantas destacadas mulleres galegas xa finadas, desde Concepción Arenal a Mercedes Núñez.

“Creada en 2005, esta ferramenta pretende concentrar toda a información posible sobre destacadas mulleres galegas ou vinculadas con Galicia, para darlle difusión e para paliar a falta de coñecemento sobre elas”, explicou Mariam Mariño. Con este obxectivo cada quincena os seus contidos amplíanse coa historia doutras mulleres ou con máis materiais de interese neste eido. Precisamente tres das últimas achegas biográficas foron realizadas por Xosé Manuel Cid, concretamente as historias de Antonia Ortiz, a primeira muller inspectora de Educación de Galicia; Concepción Ramón Amat, a primeira directora da Escola de Maxisterio de Ourense, e Rosa Pons, mestra catalá desterra na Ribeira Sacra.

Remata o día pero a programación continúa

A programación de celebración do 8 de marzo continuará este venres cunha mesa redonda titulada A muller na ficción televisiva galega na que participarán Camila Bossa, actriz da serie Matalobos; Mayka Brañas, actriz da serie Libro de familia; Mariana Carballal, actriz da serie Escoba, e Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo.