DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iníciase co Certame de Fotografía Universidade de Vigo

O campus énchese de exposicións da man do “Outono fotográfico”

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 30/10/2007
Marta Casanova | Ourense
Coa caída da folla, Ourense énchese de exposicións co “Outono fotográfico”. Unha delas é o Certame de Fotografía Universidade de Vigo con temática libre e dirixida a todos os membros da comunidade universitaria. Na súa IV edición, o xurado designado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e composto por fotógrafos e membros da Comunidade Universitaria, tivo un traballo difícil: outorgar 2 premios absolutos, un por categoría (fotografía única ou serie) e outros dous accésits aos vencedores do concurso. Por mor da excelente calidade dos traballos presentados non puido ser e de común acordo decidiron ampliar o número de premiados. Así, as gañadoras dos primeiros premios foron Leilía Durán Blanco con “Intimidades” en fotografía única e Mª Lucía Dubra Ríos con “Dejavù” en serie. Os accésits corresponderon a Fernández Bouzas por “Miradas”, Covadonga Gutiérrez Busto por “S/T” e Tania Mª Pérez Arribas por “O cisma do corpo” en series mentres que na categoría de fotografía única a premiada foi Mª Castellanos Vicente con “Tecidos”.
As obras permanecerán expostas ao público no edificio Politécnico do Campus ata o 18 de novembro.

Outono fotográfico

A exposición enmárcase dentro da iniciativa “Outono fotográfico” que cumpre 25 anos. Promovida pola Casa da Xuventude de Ourense, organiza exposicións fotográficas en colaboración con todas aquelas institucións públicas ou privadas que queiran adherirse ao proxecto. A Universidade ten programadas ao longo dos próximos meses varias exposicións coma “Muller, poder e diversidade sexual: os bijagós e zapotecas” a partir do 6 de novembro nos exteriores do campus, “Electronautas”, na Biblioteca dende o día 8 ou “Próxima estación : Calcuta”, no Politécnico do 20 de novembro ao 7 de decembro.
Ademais, a partir do 15 de novembro no Pavillón da Asociación de Estudantes, terá lugar unha videoproxección de fotografías que reúne a máis de 50 fotógrafos de “Los purificados”, unha comunidade de artistas independentes.