DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con talleres de robótica, gravación con drons, cerámica, proxectos artísticos e ‘design thinking’

O campus inicia o segundo cuadrimestre cunha renovada oferta de obradoiros para toda a cidadanía

Escalada e creación de webs completan unha programación que abriu este luns a súa inscrición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 31/01/2022

O deseño de propostas didácticas innovadoras a través da robótica, o uso de drons para a realización de proxectos audiovisuais, o deseño de proxectos artísticos, a realización de pezas cerámicas e unha introdución á metodoloxía do design thinking. Estas son as temáticas dos cinco novos talleres que neste segundo cuadrimestre se suman á oferta de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus. Dirixidos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, desde este luns permanece aberto o período de inscrición en sete cursos de entre 20 e 30 horas, entre os que se atopan tamén as novas edicións dos obradoiros de creación de webs con WordPress e escalada en rocha.

Cun prezo de matrícula de 40 euros, cun 35% de desconto para os e as integrantes da comunidade universitaria, a inscrición nestes obradoiros poderá realizarse ata o vindeiro xoves 10 de febreiro a través da plataforma Campus Activo. Cunha oferta conxunta de máis de 80 prazas, trátase dunha serie de obradoiros “cunha característica común, que é a súa especificidade”, salienta o vicerreitor Jorge Soto. “Isto convérteos nunha moi boa oportunidade para seguir aprendendo en diferentes ramas do saber”, destaca dunha oferta formativa, aberta a todos os interesados e interesadas, que é tamén “unha parte máis da formación do alumnado”. Soto destacou así mesmo que neste cuadrimestre "Pontevedra foi o campus no que se presentaron máis candidaturas” para a organización destes obradoiros de extensión universitaria, “o que pon en valor a importancia de seguir traballando na idea de favorecer o desenvolvemento deste tipo de actividades”. 

Dúas propostas con modalidade mixta

Unha das novidades neste cuadrimestre é STEAM: Robótica creativa aplicada á educación, un taller dirixido a introducir aos e ás participantes no deseño e aplicación de propostas didácticas innovadoras, enmarcadas nun enfoque STEAM. Impartido pola experta en deseño de e-téxtiles Paola Guimeráns, o taller arrancará o 25 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e combinará as clases presenciais e virtuais. Tamén cunha metodoloxía mixta, o 7 de marzo dará comezo en Ciencias Sociais e da Comunicación Creative thinking. Hackea a túa mente. Impartido pola profesora Silvia García Mirón e a consultora de innovación Yolanda Vázquez, trátase dun taller dirixido a afondar na metodoloxía do Design Thinking, centrada na xeración de ideas innovadoras que busquen dar solución a necesidades reais. 

Da gravación con drons á creación artística

Entre o 7 e o 15 de marzo, a sede da Vicerreitoría acollerá outra das novidades desta programación, Drons no audiovisual: pilotaxe, planificación e gravación de proxectos audiovisuais con drons. Impartido polo investigador Javier Abuín e os profesionais Marta Fábrega e Alberto Pájaro, este taller buscará dar a coñecer as posibilidades que poden achegar estas aeronaves á realización de proxectos audiovisuais de diversa índole.

Por outra banda, entre o 10 e o 25 de marzo, Belas Artes acollerá o obradoiro Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso. Impartido polos investigadores da facultade Román Corbato e Marcos Covelo, este curso afondará, a través dunha serie de casos concretos, nas diferentes fases de preparación, deseño e desenvolvemento dun proxecto, dossier ou currículo artístico. Tamén nesta facultade, o 16 de marzo dará comezo un obradoiro de iniciación á cerámica, dirixido pola profesora Chelo Matesanz, que o impartirá xunto á ceramista e egresada Teresa Pece. Dirixido a achegar unha visión xeral dos procesos cerámicos, o taller permitirá iniciarse nas técnicas básicas de construción e decoración, á vez que promoverá unha reflexión sobre a sostibilidade dos produtos cerámicos fronte os plásticos.

Iniciación ao Wordpress e escalada

Esta oferta formativa complétase coas novas edicións de dous obradoiros que xa forman parte da programación de extensión universitaria do campus. Por unha banda, o 31 de marzo dará comezo a cuarta edición de Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, un obradoiro no que o profesor de CCSS e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e o consultor Wajari Velásquez amosarán ao alumnado como crear e xestionar un espazo web con este xestor de contidos de código aberto, á vez que lles achegarán nocións de deseño web e márketing dixital.

Por outra banda, a serra do Galiñeiro será o escenario, a partires do 22 abril, do segundo obradoiro de escalada en rocha, que dá continuidade aos talleres de iniciación que os profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso promoven cada ano no rocódromo desta facultade. Coa participación como docente do técnico en escalada José Juan Domínguez, para asistir a esta actividade será necesario ter realizado previamente un curso de iniciación acreditado.