DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As axudas están enmarcadas na convocatorio do Subprograma de Fortalecemento de CEI

O Campus do Mar acada unha subvención de máis de 717.000 euros do Ministerio de Educación

Para actuacións como campus científico de verán, formación, gobernanza ou actividades dirixidas á co

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 17/06/2011

O Ministerio de Educación vén de conceder ao Campus do Mar unha subvención de 717.231 euros do Subprograma de Fortalecemento de Campus de Excelencia Internacional. Esta convocatoria ten como obxectivo reforzar e impulsar varias iniciativas que se encadran dentro do Proxecto de Conversión a CEI, completando as que xa están en marcha. Este monto total repártese entre cinco das sete liñas de actuación prioritarias como son internacionalización; excelencia académica; gobernanza e xestión do CEI; creatividade e excelencia dirixida á contorna.

Deste xeito, o Ministerio concede axudas para nove proxectos englobados nestas cinco liñas, sendo o prioritario o relativo ao eido de internacionalización e aos campus transfronteirizos.

Nove proxectos concedidos

Dos 717.231 euros totais, 245.831 euros correspóndense á subvención de plans estratéxicos, clústers e liñas emerxentes de I+D. A finalidade é a planificación de actividades de mellora científica durante un período de 5 anos, e articularán a investigación desenvolvida polas sete universidades e as dúas OPIs que conforman o núcleo do Campus do Mar.

Con 244.400 euros subvenciónanse as actuacións destinadas a difundir a excelencia na contorna. Por unha banda recibe 142.000 euros o proxecto Mergúllate no Océano, centrado na difusión dende os CEI aos territorios, para o desenvolvemento de actividades de divulgación científica dentro do Programa de Cultura Científica e Tecnolóxica. Nesta mesma liña de difusión, o fomento da empregabilidade recibe unha axuda de 57.500 euros para o desenvolvemento dunha plataforma de demandas e ofertas de emprego de todos os socios de Campus do Mar, que servirá ademais para o observatorio permanente das competencias, capacitacións tecnolóxicas e habilidades que demanda o mercado.

No relacionado coa contorna tecnolóxica a subvención é dunha contía de 20.400 euros para facilitar a evolución de Campus do Mar WebTV cara a súa versión 2.0. No tocante ao uso de novos recursos tecnolóxicos para a integración, o Ministerio achega 24.000 euros co obxecto de que persoas con discapacidade poidan atopar igualdade de oportunidades durante a súa estancia no Campus do Mar.

No eido da excelencia académica, o Ministerio concedeu 22.000€ para a organización de campus científicos de verán, potenciando o interese do estudantado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación aplicadas ao mar, incentivando o seu acceso a titulacións científico-técnicas e transmitirlles a experiencia científica directa, así como os valores, fundamentos e procesos metodolóxicos da ciencia, dende a investigación básica ata a transferencia de resultados.

Dentro da liña estratéxica de creatividade, o Campus do Mar acadou unha subvención de 100.000 para o proxecto BALIZA, unha plataforma de creación no ámbito mariño. A súa finalidade é a elaboración de proxectos para a creación dunha plataforma de actuación creativa transdisciplinar e internacional no eido mariño na que participen artistas, científicos, tecnólogos, economistas e profesionais das ciencias sociais dentro de Campus do Mar.

Finalmente, dentro do que se refire á gobernanza e xestión, o Campus do Mar recibe unha achega de 105.000 euros. En concreto, a promoción da gobernanza recibe unha axuda de 95.000 euros para a creación da figura xurídica máis adecuada á singularidade de Campus do Mar, que o goberne e o xestione eficiente e eficazmente, incluíndo dentro deste proceso a selección e contratación dun experto recoñecido internacionalmente. Os outros 10.000 euros corresponde á formación de xestores CEI.

Comparativa

O financiamento obtido na presente convocatoria do Subprograma de Fortalecemento 2011 con respecto á obtida na convocatoria do ano pasado, a contía aumentou significativamente pasándose de 285.000 euros a 717.231 euros na presente convocatoria, e financiándose un maior número de actuacións, xa que en 2010 se obtiveron fondos para dúas actuacións (adaptación ao EEES e accións preparatorias de campus transfronteirizos), fronte ás nove actuacións subvencionadas na presente convocatoria.

En total, o Ministerio de Educación destina 36 millóns de euros en subvencións repartidas entre 37 universidades nesta convocatoria de 2011.