DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participa no Festival dos Océanos e recibirá a visita dunhas 4500 persoas

O Campus do Mar atraca en Lisboa

O proxecto estará na cuberta do Santa María Manuela, un bacallaeiro restaurado disposto no Parque da

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 05/08/2011

O Campus do Mar segue a súa singradura para dar a coñecer un proxecto e converterse no referente dos océanos en Europa. A nova parada, Lisboa. A Universidade de Vigo participa no Festival dos Océanos que se celebra ata o vindeiro 13 de agosto na capital lusa, case quince días de eventos gratuítos centrados en conceptos como a universalidade, a sustentabilidade e o entretemento con actividades de lecer e cultura relacionadas co mar. E o Campus do Mar estará presente para dar a coñecer o proxecto a toda a sociedade portuguesa a través dun espazo divulgativo a bordo do Santa María Manuela, un bacallaeiro de catro mastros restaurado que fixo un alto na súa campaña para avistar cetáceos no Atlántico para acudir ao festival e que estará atracado na marina do Parque das Nacións lisboeta.

Ademais de paneis informativos, o Campus do Mar porá a disposición dos preto de 4500 visitantes que se esperan recibir microscopios para que os interesados poidan observar areas de diferentes características e mostras de fauna mariña. E, se están inspirados, as persoas que se acheguen ata o stand poderán participar nun concurso con só escribir unha frase orixinal que describa o que é o Campus do Mar e como o ven eles tras unha visita polo barco na que coñecerán de primeira man esta iniciativa transfronteiriza.

A importancia de coñecer os océanos

O mar como elemento único, diferenciador e de carácter estratéxico na eurorrexión formada por Galicia e o norte de Portugal son dous dos puntos clave deste Campus do Mar, un proxecto que esta tarde o seu director, Emilio Fernández, presentará nunha sesión de conferencias a bordo do Santa María Manuel no que se resaltará a importancia de estudar e coñecer os océanos. Unha mesa redonda sobre Os fondos profundos. O ecosistema máis descoñecido do planeta na que tamén participará o director da área de proxección social e cultura científica do Campus do Mar, Victoriano Urgorri.