DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas 9000 persoas gozarán de distintas actividades de divulgación mariña

O Campus do Mar desembarca nas principais praias galegas

Os obradoiros percorrerán dende o venres 12 e ata o vindeiro 28 de agosto os areais de Riazor, Balta

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 11/08/2011

Aproveitar a gran riqueza do litoral galego e a importante afluencia de turistas á praia durante o verán para facer unha campaña de divulgación científica e tecnolóxica mariña a gran escala. Ese é un dos obxectivos principais de Campus do Mar na praia, que desembarcará dende o venres 12 ata o vindeiro 28 de agosto nos principais areais galegos para achegar as ciencias mariñas á sociedade dun xeito doado, sinxelo e, sobre todo, divertido. Obradoiros nun posto itinerante de 250 metros cadrados que se instalará nas praias galegas máis multitudinarias durante todo o día: os talleres comezarán no areal coruñés de Riazor (12, 13 e 14 de agosto) para despois trasladarse a Baltar, en Sanxenxo (19, 20 e 21 de agosto), e rematar en Samil, en Vigo (26, 27 e 28 de agosto). En total, unhas 9000 persoas de todas as idades gozarán dunhas iniciativas postas en marcha para incrementar o coñecemento que a sociedade ten sobre o medio mariño.

Cunha metodoloxía atractiva, estes obradoiros interactivos chegan ao principal lugar de lecer do verán integrados en distintos módulos de divulgación. Os participantes recibirán ao comezo da actividade un pasaporte científico que deben ir selando ao finalizar cada actividade para, unha vez completado, cambialo por un obsequio para levar de recordo. Aínda que para conseguilo terán que pasar por nove obradoiros: Investigador por un día; Que hai nunha pinga de auga?; As augas viaxeiras; Cantos cumpre?; O pescado en cada lado; As novas tecnoloxías aplicadas ao medio mariño; Raia Observa; A importancia das dunas e Xestión Integrada da Zona Costeira.

En boas mans

Cunha guía didáctica como fío condutor, un equipo formado por 10 divulgadores licenciados en Ciencias do Mar e en Ciencias Experimentais e cunha ampla experiencia en divulgación científica serán os encargados de desenvolver as actividades, informar e atender aos participantes. A idea é inserir a ciencia como parte do tempo de lecer estival e dar a coñecer o traballo levado a cabo pola comunidade investigadora, favorecendo o contacto entre a institución académica e a sociedade, que verá dende unha perspectiva lúdica as potencialidades do Campus do Mar, un proxecto transfronteirizo no que participan máis de 3100 investigadores e tecnólogos de 23 institucións, con 1359 doutores especialistas no campo mariño.

A calidade científica e tecnolóxica dos contidos deste proxecto está avalado pola participación de entidades integradas no Campus do Mar, como as universidades galegas, o Instituto de Investigación Mariñas do CSIC, o Instituto Oceanográfico de Vigo ou a Asociación de Oceanógrafos de Galicia, responsable da execución de campo.

Unha iniciativa con premio

Achegar a ciencia e a tecnoloxía ao lugar onde os cidadáns van en verán, ás praias, é un formato novidoso posto en marcha pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia que xa en 2009 acadou o premio nacional de Divulgación Científica ‘Ciencia en Acción’ por unha iniciativa parecida, Efervescencia na praia. Naquel proxecto participaban as principais institucións galegas relacionadas coas ciencias do mar como CETMAR, o Instituto de Investigacións Mariñas, a Universidade de Vigo, a Xunta, Augas de Galicia e a Radio Galega, que emitía directos dende cada unha das praias nas que se celebraban os obradoiros.