DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes asinouse un convenio de colaboración en Viana do Castelo

Campus do Mar e Eixo Atlántico unen forzas para lograr que o mar sexa unha aposta de futuro en Europa

O deseño da Estratexia Marítima do Atlántico para a zona da Eurorrexión centrará boa parte dos traba

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/04/2012
O futuro da Eurorrexión pasa polo mar e neste contexto a alianza entre as universidades e as cidades cobra cada vez máis importancia. Así o expuxeron esta mañá o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo, José María Cunha Costa, tras a sinatura dun protocolo de colaboración no que o Campus do Mar se compromete a prestar ao Eixo todo o apoio técnico necesario no deseño e desenvolvemento da Estratexia Marítima do Atlántico para a zona da Eurorrexión.

Cualificando a alianza como “matrimonio necesario” , Mato e Cunha Costa destacaron a importancia desta colaboración entre as cidades e o Campus do Mar. “Agora imos traballar de xeito conxunto para que cada vez máis o mar sexa unha aposta de futuro”, subliñou o rexedor luso, que fixo fincapé na necesidade de acadar que Europa aposte pola economía do mar e das cidades ligadas ao mar. Nesta liña, aproveitou a súa intervención para lembrar que máis do 40% da economía de Europa está ligada ás áreas marítimas pero os investimentos que se reciben están moi lonxe desta proporción, por isto con este convenio “imos tentar levar a cabo diferentes tipos de actividades coas que instar a Unión Europea a que aposte máis polo mar”. Entre os principais temas nos que se vai traballar están, ademais da propia Estratexia Marítima do Atlántico, “outros temas aínda por resolver”, tales como a sustentabilidades das zonas costeiras ou a competitividade das industrias ligadas ao mar.

“Acceso directo aos foros europeos”

Co obxectivo claro de colocar os temas marítimos nas axendas tanto nacionais como internacionais, o traballo conxunto facilitará, a xuízo do reitor vigués, o acceso directo aos foros europeos onde se toman as decisións sobre temas claves , “ao ir xuntos temos unha voz moito máis potente e autorizada”, recalcou. “No Campus do Mar temos unha enorme ferramenta de coñecemento e o Eixo Atlántico vai ser a nosa vía de chegada á sociedade”, engadiu Mato, que insistiu en que este acordo é a vía idónea para que os coñecementos que xera o Campus do Mar cheguen non só ás grandes empresas, senón tamén ás pequenas, aos autónomos e aos propios cidadáns “e para iso o máis doado son as propias cidades”, engadiu.

Acompañados polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, e o polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, ambas entidades acordaron a organización conxunta de foros técnicos enfocados nas temáticas da estratexia marítima e de interese para as cidades da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Así mesmo, poranse en marcha diferentes actividades de divulgación científica e tecnolóxica nas cidades do Eixo Atlántico, no ámbito dos programas de proxección social e de fomento da cultura científica do Campus do Mar.

Liña de traballo plurianual

O Eixo Atlántico está densenvolvendo unha estratexia marítima que se iniciou con proxecto Climaatlántica para dotar ao Espazo Atlántico dunha estratexia de desenvolvemento desde o ámbito das sostibilidade e da loita contra o cambio climático. Neste contexto, estase a impulsar unha liña de traballo plurianual na que o mar se configura non só coma un elemento de identidade, senón tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico da Eurorrexión “e neste contexto o Campus do Mar será o soporte científico ideal”, subliñou Salustiano Mato, que fixo fincapé na necesidade se seguir reforzando esta parcería “cidades, representadas polo Eixo Atlántico, e coñecemento, da man do Campus do Mar e das propias Universidades”.

Para o desenvolvemento destas actividades conxuntas crearase unha comisión se seguimento composta por dous representantes de cada unha das institucións que hoxe asinaron o acordo e eles serán os encargados de planificar, seguir e avaliar as diferentes accións que se leven a cabo ao abrigo deste paraugas.