DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor presenta este martes o proxecto xunto aos outros 21 candidatos

Campus do Mar enfila a recta final cara a súa aspiración ao selo de Excelencia Internacional

Antes de viaxar a Madrid, Mato explicou o proxecto no programa da Cadena SER, La Ventana

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/10/2010

Ás 9.30 horas deste martes 19 de outubro comeza coas intervencións do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia e o secretario xeral de Universidades, Màrius Rubiralta, o acto de presentación dos 22 proxectos que concorren á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional 2010. En cuarto lugar e durante dez minutos, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, será o encargado de poñerlle voz a proxecto de Campus do Mar fronte a un auditorio formado por representantes dos sectores político, económico e social, así como os membros do comité internacional encargado de avaliar o proxecto e medios de comunicación.

Acompañado sobre o escenario do salón principal do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) polos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long e da Universidade de A Coruña, José María Barja; o presidente do Instituto Español de Oceanografía, Eduardo Balguerías e dun representante do CSIC, Salustiano Mato, realizará unha primeira intervención cun Power Point de apoio, á que seguirá un vídeo despois do que volverá intervir o reitor da Universidade de Vigo.

Unha intervención para amosar "o corazón e a alma" do proxecto

O Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela será o primeiro dos proxectos en presentarse. Seguiranlle o Campus Atlántico Tricontinental da Universidad de Las Palmas e ReNaC.ES: Campus Internacional en Economía Sostenible de los Recursos Naturales y Culturales de la Universidad deExtremadura. A continuación será o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen tomará a palabra para, nunha primeira intervención, repasar os elementos máis significativos do Campus do Mar. Tras esta primeira intervención dará paso a un vídeo no que se porá de manifesto os apoios acadados polo proxecto , así como " o seu corazón e a súa alma", segundo Mato que aproveitará a súa derradeira intervención para reivindicar o Campus de Excelencia Internacional. “Aínda que as miñas sensacións son moi positivas, evidentemente a competición é moi dura e hai moi boas propostas en todas as áreas de coñecemento, pero está claro que Campus do Mar é a máis orixinal, a máis imaxinativa, a máis singular e a máis centrada e non me cabe ningunha dúbida que o Comité Internacional vai acollela e puntuala axeitadamente”, asegurou Mato nas horas previas ao inicio da presentación. Ademais da presentación do proxecto que realizará o reitor Salustiano Mato, o proxecto de Campus do Mar explícase nun póster elaborado para a ocasión que se atopa instalado na entrada da sede do CSIC e no que en cinco puntos se analizan os aspectos máis salientables do proxecto como a agregación ou o seu carácter transfronteirizo.

Finalizada a intervención do reitor da Universidade de Vigo, continuarán as presentacións do resto de universidades que optan á consecu,ción do Campus de Excelencia Internacional exposión que se prevé se prolonguen ata as 15.00 horas.Xunto a Salustiano Mato a delegación viguesa que asistirá á presentación do proxecto de Campus do Mar estará formada por Abel Caballero, alcalde de Vigo; María Isabel Durántez, directora Xeral da Marina Mercante; Eduardo Balguerías; director Xeral do Instituto Español de Oceanografía; Uxío Labarta, coordinador institucional en Galicia do CSIC; Alberto Gago, ex reitor da Universidade de Vigo; José Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación; Emilio Fernández, comisionado para o Campus do Mar; María Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Margarita Estévez, vicerreitora de Organización Académica.

A resolución, o xoves 21

Despois das presentacións deste martes o Comité Internaciona de Expertos encargado de avaliar as propostas dará a coñecer a súa resolución o vindeiro xoves día 21. A dotación contemplada polo Ministerio de Educación para a presente convocatoria de Campus de Excelencia Internacional ascende a 90,5 milóns de euros que será repartidos entre as universidades que acaden a meción en función das categorías ás que optan. No caso da Universidade de Vigo a mención de CEI para o Campus de Excelencia Internacional traduciríase nunha achega duns 7 millóns de euros.

O Campus do Mar nas ondas

O Campus do Mar converteuse este luns nun dos protagonistas do espazo radiofónico La Ventana, conducido por Gemma Nierga que se emitiu en directo dende o Peirao de Trasantlánticos no Porto de Vigo.
Salustiano Mato compareceu no programa da Cadena Ser para defender a candidatura do Campus do Mar horas antes da súa presentación, "na que exporemos o corazón e alma deste proxecto co que pretendemos ser a universidade do mar de Europa" sinalou. Nesta liña, o reitor incidiu, a preguntas de Nierga e do director dos Servizos Informativos da Cadena SER, en que "o proxecto é xa unha realidade que conta con moitos apoios e que sairá adiante con maior ou menor velocidade, independentemente do resultado de mañá" e salientou a importancia que o selo de Campus de Excelencia Internacional ten para as universidades, "xa que a través desta convocatoria buscan especializarse, achegarse ao seu texido socioproductivo e crear fontes coñecemento para dar alento á sociedade e que se sinta entre todas as persoas".

Durante a súa intervención, Mato tamén tratou diversos temas como os recortes en I+D, a docencia no Plan Boloña e a situación do estudantado e a súa inserción no mercado laboral, do que afirmou que "é a xeración más preparada da súa historia".