DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa de actividades de deportivas, culturais e divulgativas

O Campus Mar Life enche a ría de actividades

Prevese a participación de arredor de 1000 persoas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 11/11/2011
O mar como sustento, o mar como contorna natural, o mar como fonte de riqueza, o mar como inspiración … O mar vertebra moitos aspectos da vida para os galegos. 1200 quilómetros de costa teñen que marcar necesariamente o carácter e a vida das persoas e o Campus do Mar é un exemplo máis a implicación de Galicia co mar e pretende levar esta relación un paso máis aló. Para iso o Campus de Excelencia Internacional pon en marcha este outono o Campus Mar Life, unha serie de actividades deportivas, culturais e divulgativas para que a comunidade universitaria se achegue e coñeza o medio mariño dende outra perspectiva. O programa, que bota a andar esta semana, consta de 12 actividades que van dende a vela ou mergullo ata roteiros pola costa, visitas ao Porto de Vigo, obradoiros de ciencia e tecnoloxía ou percorridos polos nomes do mar e a organización prevé que participen preto de 1000 persoas.

O obxectivo desta iniciativa, que ser manterá no tempo, é converter o mar nun elemento protagonista na vida no campus, potenciando a relación co medio mariño dos membros da comunidade universitaria e persoal dos centros de investigación que conforman a agregación de excelencia. Para iso, os participantes gozarán de prezos reducidos, xa que o Campus do Mar financiará o 75% de todas as actividades do programa.

Comezando polo deporte....

O Campus Mar Life ofrece, por unha banda, un programa deportivo que inclúe vela, surf, rutas en kayak e mergullo, todas as actividades pensadas dende o punto de vista da iniciación. Para cada un destes bautismos hai dúas datas previstas, facilitando así a participación de todos os interesados ao longo do mes de novembro. As clases de vela impartiranse no RCN de Vigo, as de surf na praia de Patos e o mergullo en Bouzas, mentres que a rota en kayak partirá da praia de Eiras para percorrer o esteiros dos ríos Miño e Tamuxe. Os prezos destas actividades van de 1 a 3 euros para os voluntarios, de 2 a 5 para estudantes e de 7 a 20 euros para o resto dos membros das institucións que forman parte do Campus do Mar.

A finalidade é fomentar hábitos de vida saudables aproveitando o medio mariño e os escenario inigualables que ofrece como escenario no que practicalos. Deste xeito, dende o Campus do Mar inciden tamén na importancia de coñecer a contorna para aprender a respectala e coidala.

... para continuar coa cultura...

O mar leva ligada unha extensa cultura mariñeira e marítima que, en moitos eidos, se está a perder. Por iso, ao abeiro deste programa desenvolveranse tres actividades para achegar aos interesados este coñecemento que esmorece. Por unha banda desenvolveranse un roteiro en barco pola ría para coñecer os nomes do mar, a talasonimia, as pesquerías e os naufraxios. Tamén se ofrece unha visita nocturna aos petróglifos de Outeiro de Lameiras, a “Capela Sixtina” da arte rupestre de Galicia. O prezo destas actividades varían, segundo o colectivo, dende o euro ata os 15€. Completa o programa cultural unha visita de balde ao peirao de Bouzas para coñecer as peculiaridades das embarcacións tradicionais.

... e pechar con divulgación e lecer

Campus Mar Life aproveita tamén as potencialidades da agregación de I+D do Campus de Excelencia poñendo a disposición da cidadanía o coñecemento xerado por os máis de 3000 investigadores e expertos que o compoñen. Para iso póñense en marcha dous obradoiros, un deles de ciencia mariña e outro de tecnoloxía mariña, e dúas xornadas de visitas ao Porto de Vigo. Completa a programación de Campus Mar Life unha ruta mareal polo litoral de Vigo, entre Alcabre e Canido, e outra pola Costa da Vela, en Cangas, para contemplar as vistas incomparables das Illas Cíes.

A información sobre as actividades, prezos e datas pode consultarse na web do Campus Mar Life.