DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades galegas contarán, grazas a un acordo co CSIC, cunha sede permanente en Bruxelas

Campus do Mar dá un paso adiante e conforma as comisións executivas e os clústers de I+D

González Laxe incorpórase á estrutura do CEI no eido da xestión integral da zona costeira

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/07/2011

Co nomeamento dos membros do segundo piso de gobernanza, o Campus do Mar desprega xa as súas velas para comezar a navegar con forza aglutinando nas comisións executivas e nos clústers aos principais axentes económicos, empresariais e de I+D. Na reunión do Consello Reitor do Campus de Excelencia Internacional celebrada este mércores, os reitores das tres universidades galegas, Salustiano Mato, Juan Casares Long e José Mª Barja, xunto co presidente do Consejo Superior de Investigacións Científicas, Rafael Rodrigo, e o director do Instituto Español de Oceanografía, Eduardo Balguerías, acordaron a composición das comisións executivas de Investigación, Transferencia, Internacionalización, Docencia e Captación de Talento e Proxección Social e Cultura Científica.

Trátase, segundo explicou o reitor vigués, de unir experiencia na investigación e na xestión, persoas de prestixio que “dende este segundo piso de gobernanza poñan en marcha a verdadeira fábrica de ideas e solucións” que é o Campus do Mar. Os cinco membros do Consello Reitor do Campus do Mar destacaron a axilidade e forza coa que comezou a vogar o proxecto “dando pasos adecuados e rápidos que demostran que isto funciona”, apuntaba o presidente do CSIC, Rafael Rodrigo. Para o director do IEO, a elección deste grupo de persoas que conformarán as cinco comisións executivas “é a óptima, conxuga a experiencia e o coñecemento necesario para darlle ao Campus do Mar o impulso definitivo”, algo no que coincidiron os reitores da USC e de A Coruña, xa que a boa dinámica de traballo e o entendemento entre os parceiros está a permitir avanzar “a moi bo ritmo, sen pausa e consolidando o proxecto”, incluso "máis rápido do que esperábamos".

Composición dos clústers

Nesta xuntanza foron elixidos os membros das comisións executivas de Investigación, Transferencia, Internacionalización, Docencia e Captación de Talento e Proxección Social e Cultura Científica, dependentes das correspondentes áreas nas que se divide o Campus do Mar e conformando así o segundo nivel do organigrama.

A comisión de Investigación comprende á súa vez catros clústers, arredor dos cales se van organizar por áreas de coñecemento os grupos de investigacións das institución que conforman o CEI. O Clúster de Observación do Océano e Cambio Global será coordinado polo investigador do IEO, Antonio Bode e contará como vicecoordinador con Xosé Antón Álvarez Salgado, do Instituto de Investigacións Mariñas, IIM. O Clúster do Uso Sostible de Recursos será dirixido por Alicia Estévez de Toranzo, da USC con dous vicecoordinadores, Isabel Medina, do IIM e Javier Pereiro, do IEO.

Contará tamén con dous vicecoordinadores o Clúster de Xestión Integral da Zona Costeira: o ex presidente de Xunta e actual presidente de Puertos del Estado, Fernando González Laxe e o catedrático da Universidade de Vigo, Manuel Varela, baixo a coordinación de Ricardo Prego, do IIM. Finalmente, o Clúster de Competitividade: progreso tecnolóxico e xestión empresarial terá como coordinadora á profesora da Universidade de Vigo Nuria González Prelcic e a Enrique Peña, da Universidade de A Coruña, como vicecoordinador.

No tocante á composición da Comisión Executiva de Transferencia, esta reúne aos organismos e empresas que interveñen no proceso de posta en valor dos resultados de I+D+i como o Cetga, Anfaco, Arvi, Aimen, EnergyLab, Gradiant, Cetmar... Na comisión de Internacionalización están presentes os organismos que traballan e impulsan a proxección alén das fronteiras, mentres que na de Docencia e Captación do Talento están do cinco promotores. A quinta comisión traballará na proxección social do Campus do Mar e na promoción da cultura científica.

Unha ‘pica en Flandes’

Esta reunión serviu tamén para que as tres universidades galegas asinasen un convenio de colaboración co CSIC, que lles permitirá contar cunha sede permanente en Bruxelas. Grazas a esta cooperación, o SUG intensificará a súa presenza e presión “no caladoiro europeo” de fondos, como explica o reitor santiagués, Juan Casares Long, dende as instalacións do CSIC na capital europea. Neste sentido Rafael Rodrigo salientou a importancia de “mellorar e medrar a capacidade do sistema de ciencia e innovación español traballando coordinadamente e estando todos os axentes xuntos”. Destacou o presidente do CSIC que na captación de recursos o VIII Programa Marco vai xogar un papel fundamental, xa que se agarda un incremento dos fondos de entre un 15% ou 20%. No traballo coordinado está o segredo “para acadar máis visualización en Europa e aumentar o retorno e a captación de fondos”. As tres universidades galegas únense así a unhas instalacións nas que xa teñen un oco por exemplo o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, o Instituto de Salud Carlos III, o IEO, a Fundación CIUDEN, o Instituto Nacional de Investigaciones Agroalimenticias, varias universidades e o Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial.

Comisións Executivas do Campus do Mar (127.32 Kb)