DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita iníciase este xoves cun relatorio da bióloga Débora Iglesias

Campus do Mar pon en marcha un ciclo de conferencias con expertos mundiais en ciencias mariñas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 21/02/2011
Unha cita mensual con expertos mundiais nos diferentes eidos da ciencias e tecnoloxías mariñas, así se concibe o ciclo de conferencias do Campus do Mar, unha actividade que arranca este xoves co relatorio da doutora galega Débora Iglesias, profesora do Centro Nacional de Oceanografía de Southampton, ao sur de Inglaterra.

Baixo o título Ocean acidification: life in a high CO2 world, a doutora Iglesias falará dos seus traballos sobre como a elevada concentración de CO2 na atmosfera causa a acidificación e o descenso do pH do océano.

A conferencia poderá seguirse ben dende o salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais ou en directo a través da webTV do Campus do Mar, páxina dende a que tamén se poderá interactuar coa conferenciante a través dunha canle chat.

Iglesias, unha viguesa emigrada ao Reino Unido

Ao longo da súa carreira Débora Iglesias, bióloga viguesa emigrada ao Reino Unido, compaxinou o seu traballo investigador co docente co fin de mellorar o coñecemento das interaccións entre os produtores primarios e os ciclos bioxeoquímicos globais. Os seus logros débense a un traballo interdisciplinar e ao desenvolvemento de ferramentas moleculares de aplicación en oceanografía.

As súas investigacións céntranse nas relacións entre a diversidade xenética e funcional e como os cambios destas relacións modifican os patróns de circulación de material no océano.