DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus do Mar recibe o recoñecemento do sector empresarial

Foi galardoado co premio Promoción outorgado pola revista económica Capital

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Anabel Vila DUVI 25/02/2011
O Campus do Mar vén de recibir un novo recoñecemento, desta volta o premio Promoción, outorgado pola revista económica Capital. No acto de entrega, celebrado no Porto de Vigo, o reitor Salustiano Mato, que recibiu o galardón da man de Pilar Rojo, presidenta do Parlamento Galego, salientou a importancia deste recoñecemento, xa que supón que “o mundo da economía, as publicacións especializadas, sinalan a este proxecto como un elemento clave na promoción económica de Galicia e España”. Ademais asegurou a súa convicción de que o Campus do Mar “será decisivo no crecemento das empresas relacionadas co medio mariño”.

Moitas destas empresas foron tamén galardoadas nesta edición dos premios Capital, que recoñeceron aos “motores da cidade, á industria, pero tamén á Universidade, unha institución tan decisiva para a competitividade de Vigo”, como sinalou Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria e que exercía de anfitriona. Pescanova, Selmark, os astaleiros Freire, PSA Peugeot Citroën ou o CTAG foron algúns dos galardoados nun acto no que tamén se recoñeceu o labor do Porto de Vigo e de Julio Fernández Gayoso.

Pola súa banda, Consuelo Calle, directora da revista, salientou a presenza na cidade de “realidades, coma o Campus do Mar, recoñecido coa Excelencia Internacional, que traballan por Vigo, por convocar o mellor talento ao seu redor”. Neste senso pronunciouse tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao asegurar no seu discurso, que puxo o broche final á entrega de premios, que a receta que debe seguir Galicia para saír adiante é ter un proxecto de futuro cunha sólida base “tal e como demostra o Campus do Mar”.

Un recoñecemento moi emotivo

Entre os premiados destacou a figura de Salvador Fernández Troncoso, presidente e fundador do Grupo Carfer e pai de José Manuel Fernández Alvariño, actual presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, que aos seus 95 anos recolleu da man do seu fillo o galardón que o acreditaba como mención especial do xurado. Un xurado formado por representantes da sociedade viguesa entre os que se encontraba José Antonio Vilán, vicerreitor de Trasnferencia do Coñecemento da Universidade.