DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables de INEO trasladan ao reitor e ao director do campus o seu interese na iniciativa

Campus do Mar suma o apoio do referente asociativo das TIC en Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 13/04/2012
A Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, INEO, que integra a máis de 65 empresas que acadan unha facturación de arredor de 165 millóns de euros e empregan a preto de 2000 profesionais, suma o seu apoio ao Campus do Mar, amosando o seu interese por coordinarse e participar no ámbito das TIC do campus de excelencia internacional. Nun encontro que responsables de INEO mantiveron co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, o presidente da asociación multisectorial, Jorge Cebreiros manifestou que “a Universidade e Campus do Mar poden contar con INEO para o que precisen”, ao tempo que valorou moi positivamente a orientación coa que naceu o campus de excelencia internacional.

Pola súa banda, Salustiano Mato, incidiu ante as 15 persoas que participaron no encontro na necesidade de empezar a medir a excelencia das universidades “en base non só ao coñecemento que se xera nelas, senón da transferencia que se fai dese coñecemento á sociedade en xeral a través do entramado empresarial”. Mentres, o director de Campus do Mar, Emilio Fernández encargouse de explicar detalladamente aos responsables e membros da asociación o desenvolvemento do proxecto, destacando a estreita vinculación que se procura “entre os mundos investigador e empresarial”.

Asociacionismo TIC

As máis de 60 empresas que integran INEO desenvolven a súa actividade nas áreas de hardware, software, redes e telecomunicacións, internet e contidos, formación e consultoría TCI, implicándose de xeito activo no desenvolvemento da súa contorna socio-económica, promovendo a implantación das tecnoloxías da información e comunicación, a innovación baseada na xestión de coñecemento e a aprendizaxe permanente, como elementos clave para competir no mercado global.
Coa finalidade de estreitar lazos entre o sector TIC e os ámbitos de referencia na creación de emprego e riqueza, INEO organiza periodicamente sobremesas para socios con destacadas personalidades da administración pública, o mundo asociativo, empresarial e destacados axentes da economía e da sociedade galega.