DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría mantén as principais actividades do programa de outono a pesar da actual situación e

O campus ‘mima’ a súa oferta cultural

O responsable da comunicación do xogador de fútbol Gerard Piqué participará nunha das xornadas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 11/09/2012

Chegou o mes de setembro e con el a volta á rutina universitaria. Para complementar e ampliar o ensinado nas clases, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra pon en marcha para este novo curso unha nova oferta cultural marcada desta volta pola continuidade e pola difícil situación económica actual. “Dende a Casa das Campás fíxose o esforzo de manter todas as actividades xa consolidadas na programación cultural de outono a pesar dos recortes orzamentarios”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus. Así, de forma gratuíta e aberta para toda a cidadanía, a programación volverá incluír unha nova edición de Chámalle X, as xornadas de comunicación e deporte, ciclo de cine e a oferta de cursos especializados “e que contan ano tras ano co beneplácito do público”, engade Fernández Souto.

A diferenza da programación deseñada para os meses de primavera que está máis orientada ao ocio e ao entretemento “con moita música, danza e teatro”, para o primeiro cuadrimestre acostúmase ofrecer “actividades que serven de complemento das carreiras impartidas na cidade”, subliña Fernández Souto. A pesar de que as xornadas están pensadas para ampliar a formación do alumnado das titulacións deste campus con actividades sobre deporte, comunicación, educación e arte principalmente, “hai que lembrar que están abertas a todo o público e que son totalmente gratuítas, o que as converte nunha excelente oportunidade para contactar e coñecer experiencias de profesionais que non acostuman a estar por aquí”, aclara a directora da Área de estudantes do campus.

Aposta “polo que funciona”

Aínda que a programación cultural deste curso se caracteriza pola continuidade, “tamén achegamos algunha novidade”, puntualiza Fernández Souto, co curso Método de proxectos e obradoiros creativos, dirixido pola profesora María Mercedes Álvarez Lires. Impartirase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a partir do 21 de setembro co obxectivo de mellorar as competencias profesionais do alumnado dos graos en Educación Infantil e Primaria.

Na última semana do mes de outubro celebrarase a sexta edición das xornadas sobre comunicación e deporte que desta volta se centrarán no papel do deportista como marca e soporte publicitario “para as que contaremos co testemuño do responsable de comunicación do xogador de fútbol Gerard Piqué que intervirá por videoconferencia grazas ás xestións da profesora Sandra Femenía, experta no tema e que tamén participará como conferenciante”, aclara. Igualmente, todos os venres a Casa das Campás converterase nunha sala de cine alternativa ao acoller un ciclo sobre imaxinarios sensoriais,“no que se analizarán os límites entre o medio e a acción de ollar e escoitar”. Novembro acollerá a novena edición de Chámalle X que seguirá a liña aberta no pasado ano presentando proxectos de arte en acción que xogan co son e as súas derivacións.

A programación complétase coa oferta de catro cursos formativos da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, “moi especializados e que contan cunha grande aceptación, tanto que ás poucas horas de abrir o período de inscrición, a matrícula xa está cuberta”. Introdución a JClic; Deseño de páxinas web con recursos gratuítos; Introdución á programación creativa e Maquetación e deseño web serán os seminarios para este primeiro cuadrimestre, “unha formación específica totalmente gratuíta”, recalca Fernández Souto.

Na oferta cultural de outono da Vicerreitoría tamén se inclúe a programación de exposicións da Sala X da Facultade de Belas Artes. Tras a mostra de Nuria Güell, que se pode visitar ata este venres 14 de setembro, o espazo acollerá o proxecto colectivo Cuando el viento que se inaugurará o 27 deste mes para logo deixar paso en novembro á exposición Identidades colectivas que se manterá aberta ao público ata comezos do vindeiro ano.