DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actividades o 24 de marzo para dar a coñecer a investigación realizada ao abeiro do Campus da Auga

O campus de Ourense abre as súas portas no Día Mundial da Auga

Os actos completaranse cun concurso de fotorrelato co que visibilizar o patrimonio cultural relacion

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 03/03/2015
Hai xa dúas décadas que as Nacións Unidas declararon o 22 de marzo como Día Mundial da Auga co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia da auga doce e da defensa da xestión sostible destes recursos. Este ano, o campus de Ourense ao abeiro do Campus da Auga conmemorará esta data cunha xornada de portas abertas o vindeiro 24 de marzo na que haberá diferentes actividades para “dar a coñecer o proceso de especialización no que estamos inmerso co Campus da Auga e, sobre todo, divulgalo entre un público moi particular como son os estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda a provincia”. Así o destacou o vicerreitor do campus, Virxilio Rodríguez, durante a presentación do programa de actividades, na que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Deputación provincial, Rosendo Fernández, e o concelleiro de Termalismo de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, ambas as dúas institucións colaboradoras deste evento.

A través desta actividade tratase de orientar aos estudantes sobre o seu futuro universitario dándolles a coñecer as liñas de investigación que se están a desenvolver ao abeiro do Campus da Auga. Por iso, tras unha recepción oficial que contará coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, os seis decanos e directores dos centros que configuran o campus ourensán explicarán aos asistentes tanto as titulacións que se imparten como as súas posibles saídas profesionais e persoal da comunidade universitaria presentarán as diferentes instalacións do campus e a súa programación cultural e deportiva.

Xa a media mañá, docentes e investigadores organizarán sesións teóricas e prácticas nas que presentarán algunhas das liñas de investigación nas que se están traballando e que teñen a auga como protagonista. Así, o director do grupo EPhysLab Moncho Gesteira falará sobre o proxecto de simulación do comportamento da auga, o profesor de xeoloxía José Ángel Cid sobre Ourense como terra de augas termais e a decana e investigadora do grupo GEAAT H2OU Susana Reboreda sobre a relación entre a auga e a historia. A continuación chegará “a parte interactiva” da visita, na que os asistentes pasarán aos laboratorios de bromoloxía, microbioloxía e arqueoloxía das facultades de Ciencia e Historia, “os dous centros que este ano capitalizan as actividades no Día Mundial da Auga”. “Pretendemos que sexa unha xornada de portas abertas e participativa”, salientou Rodríguez, quen asegurou esta edición será “o primeiro paso para que esta conmemoración se repitan en anos vindeiros”.

Imaxes que falan

O campus complementará as actividades co gallo do Día Mundial da Auga coa celebración dun concurso de fotorrelato chamado Auga con Historia. A idea é que os participantes, estudantes de Secundaria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra, presenten unha fotografía acompañada dun texto dunhas 100 palabras que promova ou visibilice o patrimonio histórico, artístico, etnográfico, cultural... relacionado coa auga. Ata o 16 de marzo, todos os interesados poden enviar as súas ben por correo postal ordinario á Vicerreitoría do campus de Ourense en dous sobres pechados, un coa ficha de datos da convocatoria e outro coa obra en versión impresa ou en CD sen ningún tipo de identificación persoal, ou ben por correo electrónico (campusdaauga@uvigo.es) con tres arquivos adxuntos (un coa identificación persoal, outro coa foto e un terceiro co texto.

O xurado valorará a relación entre imaxe e texto e elixirá aos tres gañadores. Os agasallos do primeiro e segundo clasificado serán cedidos pola empresa ourensá de base tecnolóxica Primus, colaboradora do evento; o terceiro será achegado polo Concello de Ourense. A entrega de premios celebrarase o mesmo 24 de marzo, antes da clausura do acto.

A xornada de portas abertas poderá completarse coa visita e baño nas instalacións termais de Outariz ou das Burgas de Canedo, para o que o concello de Ourense facilitará o transporte, ademais de apoiar a iniciativa coa ampliación de horarios da estación termal de As Burgas a fin de semana do 21 e 22 de marzo. “Esta é unha iniciativa que pon en valor os nosos recursos, empezando pola auga pero continuando pola tarefa docente e investigadora que se leva a un nivel de excelencia no campus universitario”, resaltou o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero.

Baixo o lema Auga e desenvolvemento sostible

Este ano, a ONU escolleu como lema deste día mundial Auga e desenvolvemento sostible nun intento de fomentar a reflexión sobre como a auga é fundamental para as tres dimensións desta sostibilidade: a social, a económica e a ambiental. Tamén busca salientar a necesidade de pasar dun enfoque sectorial da auga cara un máis multidisciplinar, que capte interconexións entre alimentación, enerxía, saúde, comercio, medio ambiente e auga. “Nun mundo que está cuberto nas súas dúas terceiras partes por este líquido é moi difícil asumir que o acceso á auga potable sexa causa de enfermidade e pobreza”, explicou durante a presentación o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, para quen a xestión este recurso é “o desafío máis importante do século XXI”.