DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O luns naceron oito parrulos que xa se poden ver no estanque universitario

O campus de Ourense amplía “familia”

Son a primeira niñada que sae adiante este ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 26/04/2011
Á volta das vacacións de Semana Santa, o campus de Ourense amplía “familia” con oito novos membros moi especiais. Son oito parrulos nados este luns que xa pasean polo estanque universitario acompañados de súa nai e ante a atenta ollada de todos os que se paran a ver unha imaxe que cando menos esperta un sorriso. Os novos inquilinos foron especialmente ben recibidos polos técnicos de medio ambiente do campus por ser a primeira niñada que sae adiante este ano despois dos arranxos realizados na lagoa.

José Manuel P. Teijeiro, responsable de xardinería e zonas verdes do campus, explica que se trata de oito crías de ánade real. A nai, un dos arredor de vinte patos salvaxes adultos que habitualmente paran no estanque universitario, puxo os seus ovos escondidos entre as illas de vexetación da lagoa hai algo máis de vinte días. Pasado o período de incubación, este luns as crías saíron á luz e desde entón nadan polo estanque sempre acompañados da súa proxenitora, que nesta primeira fase de cría ten un instinto de protección moi desenvolto.

Este acontecemento vense repetindo no campus de Ourense cada ano por estas datas, pero nesta ocasión é un motivo de especial satisfacción. A finais de 2010 e principios de 2011 leváronse acabo unha serie tarefas de acondicionamento do estanque que fixeron dubidar aos técnicos de medio ambiente do campus de que algunha das patas fixese o seu niño alí. Finalmente a vexetación rebrotou a tempo e as patas atoparon na lagoa un bo acubillo para os seus ovos.

Por ser unha zona de moito tránsito no campus e de paseo para os ourensáns, os parrulos xa están sendo a ledicia dos que por alí pasan, especialmente dos máis pequenos. Aínda que acabados de nacer, Teijeiro salienta que “xa se pode observar como aínda que se moven todos xuntos e teñen un aspecto similar cada un ten a súa propia personalidade, só hai que observar como algún vai máis por libre e outros máis apegados á nai” Os oito parrulos estarán no estanque uns meses, mentres medran e aprenden a desenvolverse da man de súa nai. Pasado ese período, explica o técnico do campus, uns quedarán no estanque e outros iranse a outros lugares. E todos eles, á marxe da anécdota, contribúen a incrementar e reforzar a riqueza natural do campus.