O equipo feminino consegue tamén a vitoria contra o Fixalga María Pita
O Campus Ourense de baloncesto continúa como líder invicto despois de once partidos
O equipo que dirixe Javier Pérez gañou 78-59 ao Xuven Cambados
Un partido máis, unha vitoria máis e van 11 seguidas. O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino remata a primeira quenda da Liga da Federación Galega de Baloncesto invicto e líder indiscutible da súa clasificación despois de gañar esta fin de semana ao Xuven Cambados. O equipo feminino continúa tamén cos seus bos resultados despois de conseguir unha vitoria este sábado contra o Fixalga María Pita. O revés esta fin de semana foi para o equipo júnior de baloncesto, que tivo a súa primeira derrota fronte ao Estudantes Lugo, e para os cadetes de rugby, que pederon fronte ao Pontevedra Rugby.
Os xogadores do Universitario Campus Ourense de baloncesto masculino sénior gañaron o sábado contra o Xuven Cambados por un claro 78-59. “O encontro transcorreu sen demasiadas complicacións para o Campus, que demostrou a diferenza na clasificación dende os primeiros minutos. O ritmo de xogo dos dous equipos foi bastante alto e a intensidade na defensa e a rapidez nas transicións ofensivas foron as claves que ambos equipos desenvolveron no campo”. Así resume o adestrador Javier Pérez o partido contra o Xuven.
Continuar invictos na Liga Galega de Baloncesto non é tarefa fácil e para o próximo encontro, contra o Seis do Nadal Coia, o adestrador advirte que "é un dos equipos máis duros da competición, aínda que se somos capaces de estar concentrados e impor o noso ritmo, tanto en defensa como en ataque, poderemos saír adiante e seguir mandando na clasificación".
Os bos resultados do equipo sénior masculino foron acompañados por un tamén moi bo resultado do Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino, que gañou por un 61-51 contra o Fixalga María Pita. Con esta vitoria, a segunda consecutiva, o equipo que dirixe Roberto Rapela sitúase en quinta posición na Liga da Federación Galega de Baloncesto, na que este ano xogan por primeira vez.
Pola súa banda, os xogadores júnior de baloncesto tiveron o primeiro revés na súa categoría. O Campus Ourense Blanco Amor, que dirixe Rubén Cortón, perdeu 64-42 contra o Estudantes Lugo Leyma Natura e con cinco vitorias e unha derrota mantense cuarto na clasificación.