DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns gañaron esta fin de semana 0-107 ao Fendetestas de As Pontes

O Campus Ourense Rugby remata a liga con sabor agridoce

Os xogadores aspiraban a rematar terceiros pero quedaron nun quinto posto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 16/04/2012

Comezaron a liga galega de rugby co soño e o obxectivo de rematala nun segundo ou terceiro posto. Sen embargo, as lesións comezaron pronto a facer aparición e o Campus Ourense de Rugby rematou esta fin de semana a competición ocupando un quinto lugar. O seu último partido foi contra o Fendetestas de As Pontes, obtendo un resultado final de 0-107 puntos. Un doce sabor de boca que non conseguiu borrar a insatisfacción do equipo por non ter acadado a súa meta nunha liga que se amosou especialmente dura para os ourensáns.

Segundo explica Javier Conde en representación do equipo ourensán, “rematamos cun sabor agridoce porque aspirábamos a máis do que conseguimos, pero coas lesións que tivemos foi imposible rematar no segundo ou terceiro posto que desexabamos”. Conde fai fincapé en que esta liga se fixo especialmente longa para os equipos ourensáns de rugby, destacando os poucos descansos que tiveron e o feito de ter xogado 22 xornadas por diferentes puntos da xeografía galega, o que requiriu un esforzo deportivo por parte dos xogadores e económico e organizativo por parte do club. En total, o equipo que adestra Ernesto Barboza acumulou 13 victorias e 9 derrotas.

En clave positiva, desde a directiva do conxunto queren destacar o traballo realizado polos xogadores, tanto polos xa consolidados coma polas novas incorporacións, e o apoio de toda a xente que ao longo da tempada animou ao equipo en cada xornada de competición. Agora, o Campus Ourense Rugby agarda rematar os últimos compromisos deportivos e coller un merecido descanso para voltar a vindeira liga con forzas renovadas.

Continuidade en baloncesto

Pola súa banda, os equipos de baloncesto universitarios continúan nas súas respectivas liñas de traballo e resultados. O primeiro equipo masculino perdeu esta fin de semana contra o Santo Domingo Betanzos nun disputado encontro que rematou cun resultado final de 55-57 puntos. Esta derrota, a segunda consecutiva dos xogadores que adestra Javi Pérez, consolida aos ourensáns nun décimo posto na súa categoría.

Tralos encontros desta fin de semana, o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino tamén consolida a súa posición. Gañou ao Pío XII por un marcador de 64-75 puntos pero as ourensás continúan segundas na clasificación tras o Arxil Mafari Café, que conta cunha vitoria máis que o equipo que adestra Roberto Rapela. Os dous conxuntos manteñen deste xeito a súa disputada loita polo posto de cabeza en cada xornada, con diferenzas mínimas de separación.