DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebración do Día Internacional da Árbore

O campus reivindícase como un espazo representativo da foresta autóctona galega

A OMA organizou roteiros guiados e entregou os premio do concurso Deseña en Verde

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/03/2010

Amieiros, castiñeiros, bidueiros, acivros, pereiras brava, salgueiros…. as especies arbóreas que se poden atopar no campus vigués son unha boa mostra da riqueza vexetal galega. No Día Internacional da Árbore a Oficina de Medio Ambiente propúxose dar a coñecer esta diversidade, para moitos descoñecida, a toda a comunidade universitaria. Entre as diversas iniciativas da xornada, realizáronse varios roteiros guiados pola zona baixa do campus próxima ao Edificio de Ciencias Experimentais, na que o camiñante pode contemplar unha carballeira, un bosque de ribeira e mesmo un regato e unha lagoa con toda a fauna e flora que lle son propios. Ademais, neste día fíxose público o gañador do concurso Deseña en Verde, unha iniciativa que chamaba aos universitarios a elaborar unha proposta de deseño para determinadas zonas do campus vigués sempre respectando as especies autóctonas e con criterios de eficiencia e sostenibilidade.

Un percorrido pola variedade arbórea

A finalidade destes roteiros no Día da Árbore, que se complementan cun programa que durante todo o ano fai visitas guiadas polos diferentes ecosistemas, é amosar a diversidade do campus a toda unha comunidade para a que pasa desapercibida. Os cartaces que os delimitan achegan información sobre a especie pero tamén sobre a soa orixe e utilidade, como os vinbios para facer cestas ou as especias madeireiras. Segundo explican as técnicas da OMA nos percorridos, no campus atopamos case todas as especies propias de Galicia, “xa que existen zonas moi diferenciadas como por exemplo, un souto, un bosque de ribeira, unha carballeira ou unha devesa”, apunta Carmen González-Vallés. Algúns deses espazos son propios desta zona e anteriores ao propio campus e outros son froito das mans humanas, pero sempre respectando as especies autóctonas de Galicia, as condicións do terreo, etc. Así, plantouse un sobreiral, nunha zona que “polo clima e as condicións de sol ou do terreo, poderían telo acollido de forma natural”, polo que o campus é mostra representativa do que se pode atopar en Galicia. Deste xeito, a OMA ten catalogados máis de 25 tipos de árbores algúns deles cun valor especial, como é o caso do Equisetum telmatei, un fento que se atopa nunha zona preto do Edificio de Ciencias, “que é moi complicado atopar xa de xeito natural e é o único representante dunha familia de fentos prehistóricos.
Con todo, e a pesar do coidadoso traballo da OMA, o campus non é alleo á invasión de especies alóctonas, como pinos, eucaliptos e acacias “de moi complicada erradicación”, pero a súa presenza é ínfima.

Un reloxo solar, a mellor idea do Deseña en Verde

Precisamente, este respecto ás especias propias é o que presidiu o concurso Deseña en Verde, que gañou Iria Durán, cun deseño para a zona da rotonda que hai ante o Edificio de Ciencias. Esta era unhas das parcelas propostas pola organización do certame susceptibles de mellora e sobre as que deseñar unha plantación nun espazo verde fomentando non só o respecto polo medio natural senón o coñecemento da propia contorna que, por ser espazo habitual de traballo ou estudo, non é o suficientemente recoñecida polo seu valor paisaxístico e natural.
A idea gañadora xira arredor dun reloxo solar, xa que se trata dunha zona moi soleada, polo que Iria Durán propón a plantación de carballos, castiñeiros e acivros e, marcando as horas do reloxo, pedras ou madeiras. Segundo explican dende a OMA, a eleccións baseouse non só na elección destas árbores, “senón no acaído da idea para este terreo, polo cantidade de luz solar, polo sinxelo mantemento e pola eficiencia”. O premio, ademais dunha cámara de fotos dixital é a realización do proxecto, xa que as bases do certame recollen a viabilidade do proxecto como requisito e comprométese a levalo a cabo. Así, o equipo de xardinería e a OMA serán os encargado, no futuro de sacar adiante o proxecto. O segundo premio foi para Andrés Edreira, por un deseño tamén para a rotonda do Edificio de Ciencias.
En total recibíronse seis deseños para esta iniciativa da que o xurada destacou a orixinalidade e a imaxinación as propostas.

Roteiros todo o ano

Ao longo do ano, a Oficina de Medio Ambiente leva anos desenvolvendo un programa de rotas polo campus con dous itinerarios, un pola zona alta e outro pola parte baixa. Abertos ao público en xeral, “estes percorridos teñen como obxectivo amosar a diversidade e riqueza tanto flora como fauna”, explica Carmen González-Vallés, así como paisaxística. Esta finalidade didáctica e a confluencia nun só espazo dunha variedade tan ampla son un reclamo para colexio e institutos, que adoitan ser habituais destes roteiros, xunto coa comunidade universitaria.