DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante o XIII Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica

O campus rende homenaxe ao científico Antonio Casares

Co gallo do segundo bicentenario do seu nacemento en 1812 en Monforte de Lemos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 05/09/2012

O Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo organizou no campus de Ourense do 3 ao 5 de setembro o XIII Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica da Real Sociedade Española de Física. Como colofón a tres días de intenso traballo, este mércores tivo lugar unha homenaxe ao científico Antonio Casares, considerado o pai da química en Galicia. Con esta celebración o campus de Ourense quixo unirse ás iniciativas que ao longo deste ano se organizaron para lembrar e recuperar a figura deste químico co gallo do segundo bicentenario do seu nacemento en 1812 en Monforte de Lemos.

O acto, que tivo lugar no Edificio Politécnico do campus, contou coa asistencia de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Luis Romaní, en representación do comité organizador do encontro xunto a Diego González; Susana Bayo, concelleira de Mobilidade de Ourense; Pilar López, concelleira de Cultura de Monforte de Lemos, onde naceu Casares; Rosario Heras, presidente da Real Sociedade Española de Física; descendentes do homenaxeado e membros da comunidade universitaria ourensá. Os presentes coincidiron en gabar a figura do químico e salientar a necesidade de recuperar e recoñecer a súa traxectoria e achegas. “É moi importante humanizar a ciencia poñendo en valor non só os coñecementos senón tamén a vida dos seus científicos”, destacou María Lameiras do acto.

A homenaxe contou con dúas conferencias, unha centrada na biografía de Antonio Casares e presentada por Jacobo Troncoso Casares, descendente do homenaxeado e docente do campus, e outra sobre unha das áreas de traballo do científico como son as augas termais de Ourense. Deste xeito, Antonio Delgado, do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra (CSIC), expuxo un traballo realizado polo seu equipo de investigación nas augas termais ourensás en 2007 e no que analizaron os valores de osíxeno, hidróxeno e carbono inorgánico das mesmas, datos que ofrecen información moi útil sobre a composición dos manaciais ou a súa orixe e percorrido.

Pioneiro e visionario

Pola súa banda, Manuel Bermejo, docente da USC e considerado o principal experto na figura do homenaxeado, foi o encargado de ofrecer un percorrido pola vida e traxectoria de Antonio Casares. “Estamos ante unha figura emblemática da ciencia española e non só galega”, comezou salientando de Casares, que foi durante 16 anos reitor da Universidade de Santiago de Santiago de Compostela. Pioneiro en moitos eidos do coñecemento, entre as súas numerosas contribucións que fixo este científico Bermejo destacou a introdución da experimentalidade no ensino medio e universitario e da luz nunha Galicia aínda a escuras. Abrir a ciencia a moitas novas especialidades na área da saúde e da física aplicada e ser pioneiro no uso do cloroformo en anestesia e da espectrometría en España son outros dos numerosos méritos apuntados durante a conferencia.

“Era un visionario, o científico máis brillante e prolífico do seu tempo”, dixo Manuel Bermejo. Alén destes méritos académicos e científicos, o conferenciante gabou o feito de que Casares “dedicou a súa vida a investigar para resolver os problemas da sociedade nun momento, o século XIX, cando a física, que daquela non estaba desligada da química, estaba empezando a alumear o século XX, no que foi fundamental para o benestar da sociedade”.