DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes e alumnado de CC da Educación e do Deporte fundaron a Asociación de Nordic Walking de Galic

O campus segue os pasos da marcha nórdica

A facultade acolleu un curso sobre esta nova práctica apta para todos os públicos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 24/01/2012

Un deporte para todas as idades e todos os públicos. Dende o norte de Europa chega a Galicia un novo concepto de “movemento saudable”, a marcha nórdica, coñecida mundialmente como nordic walking, e faino da man de Iván Martínez, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Este tipo de exercicio destaca pola súa fácil e rápida aprendizaxe “e non require ningún coñecemento previo nin actitude física específica”, sinala. Coa axuda de dous bastóns similares aos que se usan no trekking, a marcha nórdica non consiste máis que en camiñar, “facendo uso dunha técnica sinxela que mobiliza unha gran parte da masa muscular", puntualiza Martínez.

Grande impulsor de esta práctica na comunidade, o docente da Universidade de Vigo, en colaboración con outros profesores, investigadores e alumnos do centro, fundou a Asociación de Nordic Walking de Galicia (ANWG) en 2010, que exerce como delegación da asociación española (ANE) e que ten como obxectivo a progresiva implantación de esta práctica entre a poboación galega. Como apunta Martínez, unha das grandes vantaxes de esta modalidade de exercicio é que a idade non é unha barreira para a súa execución "podendo practicala calquera tipo de persoa independentemente da súa condición física” , sinala.

Empregada en rehabilitacións e con persoas con trastornos

Ademais de fomentar o seu uso entre a cidadanía, Martínez centra as súas investigacións académicas nas potencialidades de esta nova modalidade deportiva. Así, ten abertas dúas liñas de investigación, unha centrada na influencia da marcha nórdica nas alteracións de deportistas con discapacidade intelectual e outra na que tenta afondar nos efectos que produce na musculatura do brazo en mulleres novas e deportistas. Destaca que na actualidade a súa práctica estase orientando cara outros fins máis aló do estritamente deportivo “co desenvolvemento de programas de exercicio en hospitais e centros de rehabilitación" ademais de evidencias científicas que avalan os seus efectos positivos en persoas con diferentes tipos de trastornos metabólicos, neurodexenerativos…

En esta última década, a marcha nórdica consolidouse como tendencia no centro de Europa e en Estados Unidos, “pero en España aínda está dando os seus primeiros pasos”. Non obstante, Iván Martínez afirma en diversos estudos que este novo concepto de movemento saudable xogará, nun futuro próximo, un papel importante dentro do currículo da educación física escolar, “tal como xa aconteceu en outros países da contorna”.

Práctica no campus

Co fin de dar a coñecer a marcha nórdica entre a comunidade universitaria, o profesor organizou a pasada fin de semana na facultade un curso de 25 horas de instrutor básico de nordic walking impartido por Bernd Goldschmidt, docente acreditado pola INFO (International Nordic Fitness Organization). Este seminario foi o segundo curso oficial en nordic walking en Galicia supervisado pola ANE, “cun único antecedente en 2009 e tamén celebrado ao amparo da Universidade de Vigo”, engade Martínez.

Cunha alta dose de teoría e de práctica, o curso estivo orientado a establecer as bases da técnica ALFA, base da marcha nórdica. ALFA é un acrónimo que contén as catro características principais de este movemento como son andar dereito, manter largos os brazos (estendidos), formar un ángulo co bastón de 55-60 graos con respecto ao chan e adecuar o paso. Aínda que non fai falla ter unha formación previa, si hai que ter en conta o papel importante que xogan os bastóns prevalecendo sempre a fase de impulso sobre a de apoio no momento de camiñar para exercitar os músculos corporais. Tras dous días de intenso traballo, os 12 participantes inscritos recibiron o seu certificado de instrutor básico expedido pola ANE cun número de rexistro.