DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o 1 de xuño está aberto o prazo de matrícula

O campus ‘sigue vivo’ durante o verán

Ofértanse nove cursos moi orientados ás titulacións que se imparten no campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 03/06/2011

Achégase o verán, tempo de lecer, e xa se comeza a programar a axenda estival. Deste xeito, a Vicerreitoría do campus, como cada ano, presenta a súa oferta de nove cursos de verán, tendo a oportunidade de compaxinar descanso e formación. A oferta, aberta a toda a cidadanía, abrangue catro grandes temáticas, a comunicación, o turismo, a educación e as capacidades persoais, “todos moi complementarios ás titulacións que se imparten no campus pontevedrés”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes.

Fernández Souto aclara que se trata dun catálogo de cursos “que mestura tradición con bastantes novidades, pois catro dos nove ofertados son estreas deste ano”. É o caso dos que potenciarán habilidades comunicativas, “que nunca se impartiran en verán en formato de curso”, ou o estudo do turismo “desde un enfoque medioambiental”. O desenvolvemento de aptitudes persoais “é unha cuestión que tamén se atende por primeira vez este ano de forma intensiva, pero dun xeito máis multidisciplinar”.

Competencias comunicacionais

Aurora González, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación será a encargada de impartir os dous cursos destinados a mellorar competencias comunicacionais. Por unha banda, un destinado a converter “en excelente” o comportamento ante o público traballando cuestións de imaxe, de voz, e técnicas para desenvolver unha atención rigorosa ao usuario. Por outra banda, en setembro tamén dirixe outro curso, pero cunha perspectiva máis técnica, orientado á comprensión do fenómeno podcast, no que os presentes aprenderán a producir, realizar e publicar algún exemplo.

O turismo desde unha dobre perspectiva

Outro dos cursos que celebra a súa primeira edición é o de Ecoturismo, no que se estudará a súa filosofía e principios básicos de patrimonio e conservación, para logo planificar en deseñar un plan de ecoturismo. Así mesmo, o profesor Xulio Pardellas repite este verán coas súas achegas en materia de turismo, centrándose na detección dos atractivos dunha cidade para xerar unha imaxe que contribúa ao seu desenvolvemento local. Tomará como exemplo a cidade de Pontevedra.

Cuestión de aptitudes

Outra das novidades, e que ademais se imparte fóra das instalacións do campus pontevedrés, versará sobre axentes sociais na promoción do benestar físico e psicolóxico, que terá lugar no Concello de Catoira. Da man do profesor Manuel Isorna, os asistentes achegaranse formaranse na educación para a saúde e a prevención das drogodependencias para que poidan actuar como transmisores de actitudes, valores, condutas, etc, preventivos e saudables no seu campo de traballo.

A explotación do corpo como capacidade creativa tamén formará parte desta oferta estival, “prolongando o ensinado nos obradoiros de arteterapia do segundo cuadrimestre”. O catálogo de cursos deste ano tampouco abandona o deseño, destacando a importancia da creatividade á hora de crear desde varias ópticas profesionais. E como curso veterano, “pois lévase impartindo desde que se creou a Vicerreitoría”, Vivir do Conto, destinado principalmente aos estudantes de Ciencias da Educación, no que a profesora Susa Herrera bota man dos contos infantís para salientar as súas posibilidades didácticas e educativas. Este verán analizará obras e lendas de Latinoamérica.

Matrícula

A matrícula, aberta desde o 1 de xuño, poderase formalizar entregando a ficha de inscrición no Rexistro Auxiliar na Escola de Enxeñaría Forestal, ou vía web mandándoa á dirección de correo vic.pon@uvigo.es dentro das datas sinaladas para cada curso.