Dos que remataron o curso de inmersión lingüística en xullo, 20 matriculáronse nos tres campus
Campus Spain consolídase como unha ferramenta de captación de alumnado internacional para a UVigo
Esta semana arranca unha nova edición do programa, con 60 inscritos dunha ducia de países
Máis aló do alumando de intercambio procedente doutras universidades que decide realizar unha estadía temporal na UVigo, a institución académica tamén acolle dende hai varios anos estudantes estranxeiros que, a través do programa Campus Spain, veñen estudar español a Vigo durante meses para despois poder matricularse nun grao ou mestrado unha universidade española. Esta iniciativa estase a consolidar como unha excelente ferramenta de captación de alumnado internacional para a UVigo, xa que moitos destes mozos e mozas apostan por quedar aquí para cursar os seus estudos superiores. De feito, dos 80 alumnos e alumnas que o curso pasado completaron o programa formativo LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade española), unha vintena matriculáronse xa na UVigo, procedentes de Tunisia, India, Australia, Sudán, Malaisia, Marrocos, Perú, Colombia, Indonesia e Líbano.
Para a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, Campus Spain está demostrando ser “unha verdadeira ferramenta de captación” que axuda a abrir os campus ao alumnado foráneo e a cumprir un dos eixos centrais do Plan Estratéxico da institución, a internacionalización. Neste sentido, recalca a vicerreitora, o alumnado de Campus Spain, que durante meses se forma da man do Centro de Linguas, potencia tamén a internacionalización do alumnado propio, por exemplo, a través de tándems de conversa en diferentes idiomas, “que no curso pasado funcionaron moi ben”, explica.
Benvida a 60 novos estudantes este cuadrimestre
Esta semana a Universidade está a dar a benvida a unha nova quenda de alumnado de Campus Spain, arredor de 60 persoas de máis dunha ducia de países. Proceden fundamentalmente de Tunisia, Filipinas, Indonesia e Malaisia, aínda que tamén hai mozos e mozas de Exipto, Turquía, India, EUA, Sudáfrica, Xapón, Sri Lanka ou Burundi.
40 deles xa están en Vigo e este martes participaron nun acto de benvida na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no que foron recibidos pola vicerreitora Maribel del Pozo e pola técnica de Captación, Ana Caamaño, en representación da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Ata finais de xuño completarán a súa formación para poder acreditar un CertAcles de español no verán de 2024 e poder así matricularse nunha universidade española a partir do vindeiro ano académico.
Hoxe mércores tiveron un acto de benvida académico no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución e as clases comezarán mañá xoves 14. Durante estas primeiras semanas iranse incorporando o resto de estudantes deste grupo, que están tramitando os visados e en xaneiro incorporarase outro grupo ao programa semestral xaneiro-xullo. O obxectivo de todos e todas é acadar un nivel suficiente de español para formarse no sistema universitario español, e fano da man dos docentes do Centro de Linguas da UVigo. O curso LCA está aberto a persoas a partir de 16 anos e comprende sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades (entrevistas, investigacións, etc.), e obradoiros impartidos por expertos para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.