DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunhas xornadas na Facultade de Educación e Traballo Social

O campus súmase á celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Nelas abordouse o papel deste órgano cultural desde diferentes facianas, desde a historia ao ensino

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 20/10/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra os días 20 e 27 de outubro as xornadas Centenario do Seminario de Estudos Galegos (1923-2023). Un longo camiño por percorrer. Con elas, o campus súmase á conmemoración neste 2023 dos cen anos desta institución cultural creada por intelectuais galeguistas. Na actividade colabora a Área de Normalización Lingüística da UVigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense.

A primeira sesión tivo lugar este venres no Edificio de Ferro e foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; Isabel Mociño, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, e Xosé Constenla, profesor deste centro coordinador da iniciativa. Segundo explicou Xosé Constenla, con esta actividade, o centro quere unirse á conmemoración deste centenario avaliando e potenciando o legado que o Seminario de Estudos Galegos tivo e pode ter no ensino. “Eles iniciaron un longo camiño que se viu truncado pola historia, pero aínda podemos, despois de cen anos, recoller esa herdanza que nos deixaron e poñela enriba da mesa case como unha necesidade de supervivencia cultural”, sinalou o profesor. O seminario, lembrou, "era un gabinete multidisciplinar no que había desde xeografía e historia ata ciencias naturais e linguas”  que "deixou unha pegada moi importante no que foi a recuperación dunha óptica galega en todas esas disciplinas”.

Dous días de actividade

A programación deste primeiro día contou con catro palestras na que se abordou o Seminario de Estudos Galegos (SEG ) desde diferentes perspectivas. A primeira centrouse no eido histórico e social, coa participación do historiador Julio Prada e do xurista Xosé M. Pacho Blanco; a segunda nos obxectivos en ensino e didácticas deste seminario, abranguendo a historiadora Susana Reboreda a parte de prehistoria e arqueoloxía; Isabel Mociño a de lingua e literatura; Javier Blanco a de expresión plástica e Xosé Constenla a de ciencias aplicadas. Para falar de educación e política no proxecto do SEG falaron Rosa Cid e Uxío Breogán Diéguez e para achegarse ao seu legado estiveron Miguel A. Seixas (da Fundación Castelao), Celia Pereira (da Fundación Vicente Risco) e Eduardo López (da Fundación Otero Pedrayo).

As xornadas continuarán o venres 27 de outubro en Trasalba, Amoeiro, na Casa Museo Otero Pedrayo. Ademais de coñecer este espazo e a súa contorna, o alumnado participante asistirá á presentación por parte de Aurora Marco do seu libro sobre Carmiña Sierra, a primeira muller do Seminario de Estudos Galegos. Seguiralle un xantar de confraternidade, o visionado do filme Pelerinaxes (documental de 2016), un coloquio co seu director, Simone Saibene, e con Fernando Dacosta, e, para rematar, un concerto de Ruxe-Ruxe en acústico.