DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sexta edición deste encontro de emprendemento desenvolverase do 19 ao 21 de setembro

As candidaturas ao Pont-Up Store aumentan nun 50% nas primeiras semanas

O programa do evento incorpora actividades vinculadas á igualdade e a iniciativas sénior

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/06/2019

Ata o 7 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar na sexta edición do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que, no marco do Campus Crea, a Universidade organiza entre o 19 e 21 de setembro en Pontevedra co Concello como patrocinador principal. Preto de 50 novas empresas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos neste evento que, trala apertura do prazo de presentación de candidaturas, recibiu xa un 50% máis de solicitudes que na anterior edición, como salientou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, na presentación do adianto do programa deste encontro, que incorpora novas actividades vinculadas á igualdade e ao emprendemento sénior.

Nestes dous puntos puxo o foco, na presentación celebrada este martes no Concello, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que definiu o Pont-Up Store como “un evento complexo cheo de actividades e de novos proxectos”, e do que destacou tanto a súa aposta polo emprendemento sénior, “un colectivo social que para nós é básico”, como o “compromiso coa igualdade” e coa visibilización do labor de mulleres emprendedoras. Na presentación participaron tamén o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, quen puxo o acento no éxito colleitado polas anteriores edicións dun proxecto que permite “amosar o talento da xuventude”, e o deputado provincial Carlos López Font, quen destacou o crecemento dun evento cuxos “obxectivos básicos fóronse ampliando” edición tras edición e que neste 2019 ten como lema O impulso da xente valente.

Tres modalidades de participación

Ao igual que en edicións anteriores, explicou Figueroa, o Pont-Up Store disporá de tres modalidades de participación para os novos emprendedores e emprendedoras. Por unha banda, a posibilidade de contar cun dos 35 stands gratuítos cos que contará o recinto que se instalará na Praza de España, onde as e os emprendedores poden tamén desenvolver "actividades demostrativas”. A estas dúas modalidades súmase o Puntazo Express, unha iniciativa inserida no programa Pontevedra ten un puntazo, da Concellería de Promoción Económica, e no que os dez seleccionados e seleccionadas presentarán os seus proxectos empresariais a un grupo de directivos e directivas, nesa edición pertencentes ás empresas Edisa, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda.

A día de hoxe, apuntou Figueroa, son 49 as candidaturas, chegadas preto do 50% da provincia de Pontevedra e o resto de diferentes puntos de Galicia, que se presentaron para a sexta edición deste evento, o que demostra “que se trata dun proxecto que se está consolidando”.

Múltiples actividades complementarias

“Este é un proxecto de emprendemento para emprendedores e polo tanto temos que innovar e renovar os produtos que ofrecemos”, salientou Figueroa. Con ese obxectivo, o Pont-Up Store complétase cada ano cunha serie de actividades organizadas coa colaboración de 40 institucións, empresas e colectivos. Entre as novidades desta edición, explicou o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, figura “unha mesa redonda de científicas e tecnólogas emprendedoras”, organizada coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Tamén se suma ao programa un espazo dedicado ao “emprendemento sénior”, no que se presentarán iniciativas como o proxecto Vulnerables, liderado por Xaime Fandiño e destinado a fomentar o envellecemento activo e interxeneracional, ou Galician Rural Lab, unha experiencia de desenvolvemento rural orientada á formación audiovisual impulsada por Alba Sotelo.

Do mesmo xeito, tamén se potenciará o espazo Tecendo comunidades, que acollerá distintas actividades de networking e dinamización social, entre as que figura unha Romaría Creativa. Ademais, o evento contará cun laboratorio creativo, “centrado este ano na música e na arte interactiva”, cun espazo de economía social e creativa e outorgará de novo protagonismo á industria dos videoxogos, cun Espazo Gaming, “que este ano vai prolongarse cunha actividade anexa no recinto feiral durante a fin de semana que pensamos que vai atraer máis de 5000 visitantes”, o Pont-Up Hobbycon Videoxogos. Por outra banda, ao abeiro do evento desenvolveranse tamén na cidade os encontros anuais de distintas entidades e colectivos como Espazocoop, A Redeira, Aje Galicia, Mulleres Atlánticas ou a comunidade WordPress de Pontevedra, que, segundo adiantou Figueroa, promoverá de novo un evento na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como a WordCamp que en 2018 reuniu preto de 200 persoas.