DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira edición do ‘International Workshop on Nanoplasmonics for Energy and the Environment’

Cando o estudo das pequenas cousas supón grandes avances na ciencia

126 expertos de 20 países debaten sobre as aplicacións das nanoestruturas na enerxía e no medio ambi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 08/06/2011

Resultado do interese científico das nanopartículas pola seu amplo abano de aplicacións nos máis diversos campos, xorde un intenso movemento investigador que se recolle na primeira edición do International Workshop on Nanoplasmonics for Energy and the Environment, organizado polo grupo de Química Coloidal da Universidade en colaboración coa Universidade de Osaka. Durante tres días no Hotel Carlos I de Sanxenxo, 126 expertos punteiros internacionais chegados de 20 países de todo o mundo entre os que se inclúen Estados Unidos e Xapón, tratarán de crear un foro de debate para afondar na nanoplasmónica, o estudo das reaccións que as nanoestruturas metálicas mostran cando entran en interacción coa luz, e na súa aplicación no campo da enerxía e do medioambiente. Trátase do primeiro congreso en Galicia sobre esta ciencia “e probablemente o de maior nivel que se ten celebrado en España”, explica Luis Liz-Marzán, principal coordinador do congreso.

O reitor, Salustiano Mato, deulles a benvida a todos os asistentes salientando a relevancia deste evento ao congregar “expertos de países de todo o mundo”, que ao mesmo tempo é resultado da colaboración internacional “entre semellantes”. Engadiu ademais que este tipo de conexións máis aló das fronteiras nacionais “son unha das principais claves da estratexia de internacionalización para impulsar a Universidade de Vigo e facela máis presente e visible no contexto europeo e internacional”, cuestión que tamén salientou Tetsuro Majima, profesor da Universidade de Osaka e coorganizador do simposio, quen recoñeceu o nivel científico e investigador de España e en particular da institución, “sentíndome feliz de establecer relacións con Vigo con continuidade no futuro”.

Un congreso “bidireccional”

Pola súa banda, Liz-Marzán destacou a necesidade de crear un foro de debate continuo e de intercambio, “convertendo as 29 conferencias en obradoiros de traballo que nos permitan avanzar no campo nanoplasmónica e na súa aplicación na enerxía e no medio ambiente”. Trátase, “de debater e discutir as máis recentes achegas neste eido, pois temos a oportunidade de intentar todos xuntos lograr novas ideas e propostas”, así como de establecer novos eidos de cooperación “que permitan a recompilación e difusión de nova información”, puntualizou o reitor.

As implicacións da nanoplasmónica

Naomi Halas, unha das principais referencias internacionais sobre a aplicación das nanopartículas metálicas de ouro, falou da importancia de afondar neste eido da nanociencia “porque estuda a relación da luz con nanoestruturas, investigando como se pode inxectar enerxía e pudendo aplicalo despois a distintas ramas da tecnoloxía”. Halas, da Rice University, atópase inmersa nun proxecto de investigación que trata de destruír células tumorais a partir do quentamento mediante a luz de zonas selectivas onde se acumulen nanopartículas de ouro e “está tan avanzado que xa se están facendo probas en humanos e espérase que nos próximos anos xa se aplique en hospitais”, aclarou. Aparte das súas contribucións á biomedicina, tamén traballa en aplicacións na enerxía solar, “en concreto na procura da eficiencia das células solares”, cuestión que exporá este xoves no congreso.

Trala inauguración, o primeiro en intervir foi o físico holandés Albert Polman, director do laboratorio de investigación FOM-AMOLF en Amsterdam, afondando na influencia da luz na capa fina das células solares. O venres será a quenda de Mostafa El Sayed, do Georgia Institute of Technology, “un dos científicos máis recoñecidos na química-física moderna, con múltiples contribucións á diagnose de cancro”, destacou Liz-Marzán.