DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro cumpre 25 anos coa denominación vixente

De cando a Facultade de Humanidades se converteu en Filoloxía e Tradución

O decano naquel momento e o actual reflexionan sobre os cambios producidos neste tempo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/02/2024

O 10 de febreiro de 1999, a daquela Facultade de Humanidades da Universidade de Vigo aprobou, en Xunta de centro, a súa nova denominación, que hoxe segue en vigor. Era o nacemento do que aínda hoxe segue a ser a Facultade de Filoloxía e Tradución, que xunta disciplinas de moi longa tradición e na que reside a parte fundamental dos estudos de humanidades da Universidade de Vigo.

Agora, cando se cumpren 25 anos da creación deste centro, o que era decano no intre do cambio de nome, Manuel Ángel Candelas Colodrón, e o que exerce o cargo na actualidade, José Montero Reguera, botan a vista atrás para valorar estes 25 e anos e tamén analizan “un futuro inmediato comprometido coa responsabilidade que as artes e as humanidades teñen para ofrecer respostas aos retos sociais do noso tempo”.

Un cambio necesario para poñer en valor as titulacións

Manuel Ángel Candelas foi o decano que pilotou o proceso deste cambio nominal que respondía á necesidade de “amosar e facer visible o contido dos estudos da facultade”. O proceso foi sinxelo, sen complicacións, e permitiu, segundo o actual decano, José Montero, “recoller as dúas almas do centro, complementarias e interdependentes. O nome anterior, Humanidades, xeneralizaba uns estudos que non se correspondían en realidade co que o centro ofrecía”. Naquel momento o centro impartía Filoloxía Galega (que anteriormente estaba localizada en Pontevedra pero acabou recalando en Vigo), Filoloxía Hispánica, Filoloxía Inglesa e Tradución e Interpretación. Eran, lembra Candelas, arredor de 1400 ou 1500 alumnos e alumnas, unha das facultades máis numerosas do campus de Vigo, con “clases ateigadas de estudantado, como reflicten as orlas dese tempo”, en palabras do decano actual. “Despois chegou Boloña, os créditos, os graos. Outro tempo, moi diferente, moi inestable”.

Na procura de consolidar o centro

O reto fundamental no momento de realizar o cambio de denominación era, como lembra Candelas, “a consolidación dos estudos, cunha modernización e profesionalización da oferta educativa e coa expansión do programa Erasmus”. Daquela, como apunta o decano actual, “a facultade estaba composta por un profesorado moi novo, con teses lidas moi pouco antes. As e os catedráticos contábanse cos dedos dunha man. Había moito que traballar, tanto na parte académica e particular (hoxe, moito dese profesorado xa é catedrático e catedrática e conta con importantes carreiras académicas), coma na parte de organización do centro, máis aínda no noso particular caso, verdadeira illa nun mar de ciencias e tecnoloxía”. Analizando o proceso coa perspectiva que dan 25 anos, a evolución para Montero é moi positiva, “hoxe é un centro con departamentos consolidados e académicos e académicas de moito prestixio, recoñecidos internacionalmente. As cousas non foron sinxelas, seguen sen ser sinxelas, pero podemos dicir que a FFT percorre o seu camiño con seguridade e confianza nas súas posibilidades”.

O reto da captación de alumnado 

Un dos principais retos que na actualidade ten a Facultade de Filoloxía e Tradución é o da captación de alumnado. E é que mentres algunhas titulacións como Tradución e Interpretación non teñen problemas en cubrir todas as prazas, outras seguen arrastrando problemas de matrícula a pesar dos cambios abordados nos últimos anos. Na opinión de Candelas Colodrón este é un asunto “complicado, un fenómeno que hai que analizar no contexto da universidade galega”. Na súa opinión, as causas son múltiples pero sinala algunhas como “un desprazamento cara a outras carreiras humanísticas, aínda que figuren como sociais, coma Comunicación Audiovisual ou Publicidade, así como a centralización dos estudos de filoloxía clásicos na USC”. O docente destaca que na UVigo “puido artellarse unha oferta que imbricase a todas as titulacións e preferiuse outra estrutura. Agora tentan de corrixilo, pero non semella doado”. Para el, unha solución sería o traslado da facultade ao centro da cidade, unha medida que “conseguiría unha maior implicación no tecido social e formar parte da oferta cultural e académica da cidade de xeito máis decidido”. Recalca que precisamente presentou esta posibilidade na facultade, “pero non contou co imprescindible apoio” e os intentos tamén por parte do reitor “non callaron”.  

O actual decano do centro tamén considera que se suman varios factores e recoñece que “seguramente, nalgún momento, non fomos quen de analizar axeitadamente as cousas ou a nosa análise e propostas consecuentes non foron as máis acertadas”. Considera que tamén hai que ter en conta “un sistema universitario onde as normas mudaron moito e afectaron retroactivamente ás nosas titulacións, e que non sempre se deixa o tempo necesario para a consolidación de determinadas titulacións. Compre, xa que logo, traballar arreo, moi especialmente na captación, tendo en conta o reto (o abismo) demográfico que chega. Difundir, divulgar, facer captación: traballamos duramente agora nisto, mesmo unha das cousas onde notamos maior diferenza con hai 25 anos. Quen pensaba entón que había que facer tarefas de captación?”

Neste complexo camiño que deben abordar no futuro inmediato, Montero considera prioritario “amosar á sociedade a importancia destes estudos, antes e agora”. Entón, en 1998, lembra, “isto non era tan necesario. Agora é imprescindible e nesta estamos a través dunha oferta de estudos moito máis ampla que hai 25 anos: tres titulacións de grao, cinco mestrados (que serán cinco seguro o vindeiro 2024/2025, mesmo seis en 2025/2026; un deles cualificado de excelencia pola Xunta de Galicia) e cinco programas de doutoramento. Todos cun número de estudantes suficiente”.

Sobre a defensa das humanidades

Outras preocupacións no futuro inmediato é a situación das humanidades nun contexto no que se aposta cada vez máis pola ciencia e a tecnoloxía como motor de avance da sociedade. Para o profesor Candelas Colodrón esta é unha confrontación que carece de utilidade. “Se o que se quere dicir con iso é que non hai cartos para os estudos lingüísticos, literarios, históricos ou artísticos, pois que se indique nestes mesmos termos. Pero que non se confundan coa idea das humanidades, porque todas as disciplinas, incluso as técnicas e científicas, son humanísticas”, sentencia. 

Pola súa banda, Montero Reguera recalca que “unha universidade, precisamente polo seu nome, debe aspirar á universalidade dos estudos. Non pode non haber unha parte, importante, de estudos de humanidades nunha universidade para que esta poida ser considerada como tal. Este é o gran reto noso dentro da Universidade de Vigo no seu campus máis grande (Vigo)”. Neste sentido, recoñece que son “moi conscientes da responsabilidade que temos na sociedade de hoxe como centro de humanidades nunhas circunstancias pouco propicias: nin Vigo é unha cidade especialmente preocupada pola súa historia (que é extraordinaria: de Martín Códax á Rosalía que fixo imprimir na rúa Real os seus Cantares Gallegos, toda a industria editorial viguesa e a propia cidade como lugar ou personaxe na novela escrita en galego nos últimos 30 anos) e somos, repito, unha illa nun mar de ciencias e tecnoloxías. Agradeceríamos moita máis axuda, dentro (que a temos) e fóra. Mais este é noso taboleiro de xogo, xamais sinxelo, endexamais fácil, pero no que queremos seguir xogando, polo menos, outros 25 anos loitando por un centro internacional, prestixioso, aberto, galeguista e inclusivo”.