DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seminario anual de Termofísica afondou na nanociencia, a biofísica e a materia branda

Cando o leite é un coloide de partículas de graxa dispersas en auga

Participaron Luis M. Liz-Marzán, J. Ricardo Arias, Miguel Rubí e Ignacio Pagonabarraga

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/05/2011
Identificar os “ladrillos” últimos que forman a materia e comprender a súa composición e comportamento é un reto, para a ciencia no seu conxunto e para a nanociencia e a ciencia coloidal en concreto. Os seus científicos levan medio e un século respectivamente investigando na fronteira do coñecemento para entender como funciona a vida na escala do máis pequeno. Para amosar os últimos avances en nanociencia, biofísica e materia branda, catro destacados científicos nestes eidos achegáronse este xoves ao campus de Ourense.

Cada ano o Laboratorio de Termofísica da Universidade de Vigo organiza un seminario no que convida a destacados investigadores relacionados coa Física Térmica a falar das súas investigacións. Nesta edición, os organizadores escolleron a temática Nanociencia, biofísica e materia branda, convidando como relatores a Luis M. Liz-Marzán, catedrático da Universidade de Vigo; a J. Ricardo Arias-González, do Instituto Madrileño de Estudos Avanzados en Nanociencia; e a Miguel Rubí Capaceti e Ignacio Pagonabarraga, ambos da Universidade de Barcelona.

O profesor Claudio Cerdeiriña, coordinador do seminario, salienta que “como parte fundamental da investigación científica, o obxectivo desta iniciativa é que alumnos, profesores e investigadores do campus de Ourense interactúen con profesionais relevantes doutras universidades. O formato intensivo do programa (8 horas falando de ciencia un só día) proporciona un bo número de percepcións moi enriquecedoras para todos os participantes”.

A vida na escala máis pequena

Segundo explica Cerdeiriña, “na actualidade a nanociencia e a nanotecnoloxía, nas que a química coloidal ten un grande impacto, son áreas de investigación punteiras que se sitúan na fronteira do coñecemento”. A nanociencia é a ciencia que investiga a materia a unha escala menor dun nanómetro, dunha milésima de micra. Pola súa banda, a ciencia coloidal é aquela que estuda o comportamento de suspensión de partículas noutros medios. Dúas definicións xerais que agochan tras de si todo un mundo de coñecementos e avances científicos punteiros.

Para comezar o seminario, Luis Liz- Marzán ofreceu unha conferencia na que quixo proporcionar aos asistentes unha visión xeral do mundo nano, desde o punto de vista da ciencia de coloides e xogando con exemplos coma o do leite como un coloide de partículas de graxa dispersas en auga. Entre outros aspectos, Liz-Marzán afondou no efecto de superficie, segundo o cal canto máis pequena é unha partícula maior cantidade do material estará na superficie, o que condicionará as súas propiedades. A súa intervención foi especialmente significada polos organizadores do seminario ao tratarse da primeira vez que este catedrático imparte unha conferencia no campus de Ourense.

Pola súa banda, J. Miguel Rubí, catedrático da Universidade de Barcelona e xestor do Plan Nacional de Física, foi o encargado de explicar o papel que xoga a Termodinámica en procesos microscópicos, con especial atención a aqueles que involucran biomoléculas. Entre outras cuestións, Rubí amosou como unha célula intercambia materia co seu entorno a través de canles iónicas que están nas proteínas ou como dúas nanopartículas intercambian calor como un mecanismo do sistema para redistribuír enerxía. Para completar o programa, J. Ricardo Arias-González afondou na natureza dos "single-molecule experiments", o estudo grazas á óptica do comportamento químico e mecánico dunha proteína, e Ignacio Pagonabarraga presentou aspectos termodinámicos dos procesos de auto-organización na materia.