DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro alumnas de Romanía realizan as súas prácticas cada día no CEIP Mestre Vide de Ourense

Cando a 'profe' é unha estudante de Erasmus

Compaxinan as súas clases na Facultade de Ciencias da Educación coa aprendizaxe no colexio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/11/2011
Andreea Morosan, Adela Deaz, Ana Cristian e Nicoleta Pinciuc son catro estudantes de Romanía que o pasado mes de setembro se incorporaron á Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense a través do programa Erasmus. Son tamén e desde entón as “profes” en prácticas de nenos e nenas de Infantil do CEIP Mestre Vide de Ourense. Con eles e os seus docentes comparten tres horas ao día no que aprenden os métodos de ensinanza en España, poñen en prácticas os coñecementos que están adquirindo na Universidade de Vigo e sobre todo gozan xogando cos rapaces e axudándolles a desenvolverse como persoas.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, a iniciativa vense realizando nos últimos tres anos e está resultando moi satisfactoria para todas persoas e institucións implicadas. “Este sistema permítelle ás estudantes de Romanía aplicar na práctica materias que están cursando na facultade, contrastar os métodos educativos de ambos países e aprender a profesión de mestre”, destaca Cid. Alén do esforzo que fan de ir a clases no campus e logo realizar prácticas no colexio, o vicedecano salienta que estas estudantes acoden a clases de galego dúas tardes á semana para poder realizar mellor a súa integración cos nenos cos que traballan.

Demasiadas fichas pero máis medios

Neste cuadrimestre, as catro alumnas universitarias que participan na iniciativa proceden da Universidade Aurel Vlaicu de Arad de Romanía e realizan as súas prácticas dous meses con nenos de Infantil e dous meses cos de Primaria. Esta semana rematan precisamente o primeiro período e xa están e condicións de facer un balance da súa experiencia no sistema educativo galego. “A principal diferenza que atopamos é que en Romanía na etapa Infantil se emprega moito máis o xogo didáctico para aprender. Aquí os nenos xogan pouco, fan moitas fichas e comezan demasiado cedo a traballar coas letras”, explica Andreea Morosan. A súa valoración é compartida polas súas compañeiras, que salientan que no seu país ata os 6 anos o xogo é o protagonista da aprendizaxe, non comezando ata entón a traballar coas vogais e consoantes.

Cunha media de vinte e poucos alumnos por aula, Ana Cristian tamén apunta a diferenza que supón na atención dos rapaces esta cifra fronte aos trinta e pico estudantes que teñen de media no seu país. Os medios materiais, o uso da informática e a calidade das instalacións son outros dos factores sobre os que chama a atención esta futura docente.

Moi queridas polos nenos

Cada unha das estudantes é tutelada por un docente do colexio ao que acompañan no desenvolvemento das clases e que as guían na aprendizaxe. Unha destas mestras é Ana Rodicio, que destaca a súa satisfacción por contar cunha das alumnas de Erasmus na súa aula. “Falan moi ben, colaboran en todo, preguntan, queren aprender e os nenos quérenas moitísimo”, explica. Unha opinión compartida polo director do CEIP Mestre Vide, Manuel Conde, que valora a experiencia como moi positiva para o centro e para os nenos e que salienta a oportunidade que lle ofrece a experiencia ás alumnas Erasmus de achegarse ao método educativo español.