DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda edición da olimpíada desta disciplina organizada hoxe venres pola facultade viguesa

A canteira da química cítase no campus nunha xornada de competición lúdica

O 75% dos 60 participantes eran mozas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Visitas
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 16/06/2023

60 rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO participaron este venres na segunda edición da Olimpíada da Química, unha iniciativa posta en marcha pola facultade da Universidade de Vigo co obxectivo de espertar vocacións e amosarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria obrigatoria que a ciencia e, en particular, a Química “pode ser moi divertida”. Para iso, o centro deseñou unha xornada repleta de actividades, probas e competicións que os mozos e mozas completaron divididos en grupos e titorizados por docentes e investigadores da Facultade de Química.

As e os participantes, procedentes de sete institutos de Vigo, Nigrán, Baiona e Pontevedra, foron recibidos pola decana de Química, Ángeles Peña, que lles deu a benvida e lles agradeceu a súa participación. Fixo extensivo este agradecemento aos docentes dos institutos por colaborar e puxo en valor “a grande implicación do persoal da facultade na organización: técnicos de laboratorio, secretaria do centro, conserxe, profesorado e alumnado de doutoramento”, porque entre todos fixeron posible a celebración deste evento.

Abrir a porta ao futuro da química

A decana de Química destacou a importancia de organizar este tipo de iniciativas dende as facultades, porque permiten “que as e os rapaces entren en contacto cunha materia que pode parecer árida” e que o fagan “desde un punto de vista lúdico”. 

E é que precisamente, o obxectivo desta xornada é “intentar que a química sexa divertida”, como lles explicaba ás e aos participantes, e que “coñezades a outros rapaces e rapazas”, motivo polo que os grupos da competición foron conformados mesturando alumnado de diferentes institutos. 

Outro aspecto salientable foi a importante presenza de mozas neste evento, xa que dos 60 estudantes inscritos na olimpíada, o 75% eran alumnas, o que demostra que o futuro da química terá un marcado carácter feminino, como salientaba a decana. 

Unha xornada en dúas partes

Unha vez compostos os equipos arrancou a II Olimpíada de Química da UVigo, que comprendeu dúas partes diferenciadas. Na primeira delas, os grupos deberon completar diferentes probas, como unha xincana na procura dun tesouro; un pasapalabra químico, un escape room sobre as mulleres na ciencia e unha serie de pasatempos químicos. A finalidade en todas elas era que o alumnado amosase as súas habilidades tanto químicas como de lóxica e traballo en equipo.

A segunda parte da xornada desenvolveuse nos laboratorios do centro, onde as e os participantes realizaron de forma autónoma prácticas adaptadas á súa idade e coñecementos e participaron de demostracións realizadas polos investigadores da facultade. 

A xornada concluíu coa entrega de diplomas e do premio ao equipo gañador e cunha merenda conxunta para despedirse dos novos amigos e amigas feitos ao longo da mañá.