DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O simposio 'E irei madr'a Vigo' reúne a destacados expertos en Martin Codax e a súa obra

As cantigas de amigo dos trobadores galaico-portugueses, unha achega propia á lírica universal

As sesións comezaron coa conferencia inaugural do catedrático da Sapienza Vicenç Beltran

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/11/2017

Quen está considerado como o máis destacado especialista internacional na poesía cortesá medieval de cancioneiro nas literaturas románica, o catedrático da Sapienza- Universidade de Roma-, Vicenç Beltran Pepió, foi o encargado de inaugurar, cunha conferencia titulada Martin Codax y la poesía de su tiempo, o Simposio internacional E irei madr'a Vigo, que ata mañá se desenvolverá no auditorio do edificio Cambón, no casco vello vigués. Algunhas e algúns dos máis recoñecidos expertos mundiais en Martin Codax e a súa obra participan no simposio, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, co gallo a exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar ata o vindeiro mes de marzo de 2018.

A conferencia de Beltran deu comezo trala inauguración do simposio, na que a coordinadora e o vogal do comité organizador, Camiño Noia e Xosé-Henrique Costas; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho e o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, incidiron na relevancia da obra e da figura de Martin Codax, para quen reivindicaron maior recoñecemento e coñecemento por parte da sociedade. Como “un símbolo de identidade e de pertenza a un país con lingua e literatura propias desde hai máis de oito séculos e unha peza representativa dun período de emerxencia e esplendor da lingua galega”, referiuse a catedrática Camiño Noia ao Pergamiño Vindel, ao tempo que lembrou que o galego era na Idade Media unha lingua culta de Ribadeo a Toledo e ata Coimbra. Noia, que incidiu en que o pergamiño é o primeiro texto poético no que aparece o nome de Vigo, agradeceu o traballo de todas as persoas que participaron na organización do simposio, así como o financiamento recibido por parte da Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento desta e outras actividades paralelas. Pola súa banda, o deputado de Cultura da administración provincial, Xosé Leal, reivindicou que o regreso do Pergamiño Vindel a Galicia sirva para “sacar de nós o autoodio pola nosa lingua” e referiuse á obra de Martin Codax como un “patrimonio da humanidade”.

Do mesmo xeito que Leal lamentou o descoñecemento da sociedade sobre o pergamiño, Xosé-Henrique Costas, manifestou o seu desexo de que “estas xornadas sirvan para divulgar a figura de Martin Codax e o movemento dos trobeiros daquela idade de ouro da lingua galega”. Mentres, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, en representación do reitor, Salustiano Mato, agradeceu o traballo desenvolvido pola organización do congreso e agradeceu ás e aos poñentes a súa participación nun simposio, do que destacou “a súa visión holística e multidimensional sobre Martin Codax e o Pergamiño Vindel”. Corbacho tamén se referiu a este evento como un exemplo de colaboración institucional entre a Universidade, a Xunta e a Deputación.

Martin Codax e a poesía do seu tempo

Tras apuntar, no inicio da súa intervención que o folclore perpetúa os contidos da poesía dos trobadores nalgúns lugares e que as concordancias dos temas e formas con outras literaturas europeas son consecuencia, en parte, dunha tradición común nas civilizacións neolatinas, Vicenç Beltrán, centrouse na análise das características das cantigas de amigo. Escritas en dísticos ou trísticos, con retrouso e asociadas por leixaprén e paralelismos, Beltran, que foi presentado polo docente e investigador da Universidade de Vigo Antonio Chas, referíuse a estas cantigas como combinacións moi rara, que se atopna en lugares moi concretos como o folclore asturiano, en Tras-os-Montes e o Algarve, así coma entre os serfardís e na poesía musical castelá dos séculos XV e XVI. “Non está en ningún lugar no que non estea o ronsel dos trobadores galaico-portugueses. Claramente debe ser unha invención dos galaico-portugueses, que outras tradicións posteriores e derivadas dela tomaron esporadicamente”, sinalou o especialista en poesía cortesá medieval de cancioneiro. Beltrán aludiu na súa intervención á expresión literaria simbólica destes poemas, nos que os elementos da natureza (por exemplo o mar, como lugar do amor ou como elemento de separación) están ancorados na cultura da literatura europea.

“En canto á forma estrófica, esta e a musical son rigorosamente paralelas e comúns a certo número de poemas europeos, como os que pertencen á tradición da canción de muller”, explicou Beltrán, que acompañou a súa exposición co recitado de fragmentos de obras da literatura medieval francesa, italiana e de poesía castelá. O catedrático referiuse a este corpus de poemas como “formas marxinais desde o punto de vista literario”, tendo en conta que o núcleo da literatura era a canción cortés, “imprecisas cronoloxicamente e de autores de segunda fila, que non podemos identificar con nobres ou clérigos porque non deixan rastro documental”.

Grafoloxía, sintaxe oracional, lingua e métrica para pechar o simposio

A derradeira sesión do simposio comezará mañá venres cun relatorio no que o docente e investigador da USC Xavier Varela centrarase no estudo grafolóxico do pergamiño. Pola súa banda os docentes da Universidade de Vigo e da Coruña, Alexandre Rodríguez e Manuel Ferreiro, analizarán a lingua de Martin Codax, desde o punto de vista sintáctico e de xénero, respectivamente. Antonio Ciarilli e Mariña Arbor pecharán a sesión da mañá co estudo codicolóxico do pergamiño e xa pola tarde Rip Cohen da Universidade Johns Hopkins e Bieito Arias da Universidade de Vigo falarán sobre o estudo métrico da poesía de Codax e da edición das cantigas, respectivamente. A conferencia de clausura titulada Historia da recepción en Galicia do Pergamiño Vindel, prevista para as 18.00 horas, será impartida por Xesús Alonso Montero.