DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un dos deseñadores detrás da firma, Iván Martínez, pechou esta nova edición dos ‘Xoves de Moda’

‘La Casita de Wendy’, a aposta por un soño

Afondou na importancia de que prevaleza "o ben feito” por riba da 'fast-fashion'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 01/06/2012

A Programación de Primavera do campus chegou a súa fin coa clausura dunha nova edición dos Xoves de Moda, da man do deseñador Iván Martínez, un dos pais da firma española La Casita de Wendy. O alumnado de Esdemga, Estudos en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, viviu de primeira man as experiencias dun profesional “que apostou por un soño” ao decidir dedicarse completamente á confección de roupa que se afasta dos tópicos e que aposta claramente polo forte uso de cores, de formas e estampados orixinais dándolle especial importancia a todo o feito a man.

La Casita de Wendy foi un proxecto persoal que naceu como un pasatempo en 1998 tras comprobar que os seus gustos no que respecta á moda se afastaban do convencional, polo que decidiu crear a súa propia roupa para constituírse como empresa en 2001, coa deseñadora Inés Aguilar como socia. Aínda que filósofo e arquitecta respectivamente, Martínez e Aguilar apostaron dende un principio pola moda e co tempo contaron co apoio de consumidores atraídos polas súas prendas que mesturan soño e fantasía, froito das influencias dos contos infantís. Non obstante, Martínez advertiu que non pretende achegar ao sector unha visión simplista da moda, senón certo escurantismo e maldade “típico tamén dos contos”.

Aposta polo “ben feito”

Ao longo da súa conferencia, Iván Martínez afondou na filosofía de traballo da firma, que defende o valor do feito a man e o respecto polos tempos naturais, cunha confección pausada afastada dos ritmos frenéticos e da concepción de fast-fashion imposta polas grandes industrias da moda. “Dende La Casita de Wendy apostamos polo perdurable e o slow, dándolle máis importancia ao ben feito por riba do rápido”, explicou. Animou a todo o alumnado de Esdemga a emprender os seus propios proxectos persoais, “sen medo a fracasar e arriscándose por facer o que queres facer da túa vida profesional”.

Unha das últimas apostas de La Casita de Wendy foi a súa diversificación cara o deseño do fogar e de material de oficina, ademais da súa tenda online, que xa representa o 10% do total dos ingresos. Non obstante, esta firma segue a vender as súas coleccións en tendas internacionais de Nova Iorque, Hong-Kong, Tokio, Londres, Atenas, París... converténdose nunha das marcas máis populares de Europa e sendo escollida pola cantante Björk para algúns dos seus estilismos. Coa experiencia dos deseñadores de La Casita de Wendy, os Xoves de Moda 2012 chegaron ao seu fin, tras sete conferencias centradas en revalorizar o toque artesanal no deseño actual.