DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres rematou a primeira intervención arqueolóxica no xacemento de San Salvador dos Penedos

O Castelo de Mouresiños comeza a saír da escuridade

Deixouse ao descuberto dúas sepulturas e varias estruturas da fortaleza altomedieval

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/09/2016


Despois dunha semana de intenso traballo, este venres pechouse a intervención arqueolóxica que o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo fixo no xacemento do Castelo de Mouresiños, en San Salvador dos Penedos, Allariz. Os responsables do proxecto resaltan os bos resultados obtidos, que superaron as expectativas iniciais. A pesar de tratarse dun primeiro achegamento ao xacemento, centrado na súa limpeza e sen chegar a realizar escavacións, os arqueólogos deixaron ao descuberto dúas sepulturas e diversas estruturas pétreas importantes da fortaleza. O castelo, apuntan, é o primeiro da época altomedieval que comeza a investigarse en Galicia.

No día de peche, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz, visitaron o xacemento para coñecer de primeira man o traballo realizado. Ambos coincidiron en destacar como esta iniciativa se enmarca nunha estreita colaboración que desde hai varios anos une ao concello ourensán coa Universidade de Vigo. Este tipo de actuacións, recalcou o vicerreitor, materializan en algo “visible e concreto” para a cidadanía o traballo que se fai na universidade e forman parte da filosofía de “reverter na sociedade o que ela inviste en nós”. A intervención levada a cabo en San Salvador dos Penedos, engadiu o alcalde de Allariz, enmárcase no “empeño que temos en pór en valor os nosos recursos” levando a cabo “iniciativas que teñan retorno para a poboación”.

 

 

Primeiros resultados prometedores

A intervención desenvolveuse no marco do proxecto Sancti Salvatoris. Investigación e posta en valor do xacemento do Castelo de Mouresiños, financiado pola convocatoria INOU-16 do campus de Ourense. O equipo técnico que o levou a cabo estivo encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández, estando como responsables do traballo de campo Alba Rodríguez e Patricia Valle. “Nesta ocasión escollemos unha temática e un xacemento para investigar a priori moi interesante, cunha potencialidade enorme”, explicou Adolfo Fernández. Despois de desenvolver proxectos máis ligados á época castrexa e galaico-romana, apuntou, “atrevémonos a meternos no mundo altomedieval” polo reto que supoñía dado que “non hai xacementos deste tipo estudados en Galicia”.

Tendo en conta que o Castelo de Mouresiños nunca se escavara, despois de elaborar un estudo documental do enclave e unha vez realizada a primeira limpeza do espazo por parte dos técnicos municipais, os arqueólogos comezaron este luns a intervir na zona. Durante cinco días levaron a cabo unha actuación de limpeza e retirada de capa vexetal con metodoloxía arqueolóxica nas plataformas inferior e superior do xacemento. O obxectivo desta actuación foi o de liberar as estruturas visibles de vexetación e terra vexetal para efectuar o minucioso rexistro dixital do xacemento, que permitirá o seu levantamento 3D e a súa fotogrametría xeoreferenciada mediante o uso de drone.

Na plataforma inferior, trala limpeza arqueolóxica quedaron ao descuberto dúas sepulturas antropomorfas de arredor dun 1,80 cada unha delas e restos de construción antiga. Trataríase dunha pequena necrópole asociada ao uso do castelo na época altomedieval. A pesar da relevancia destes restos, a maior satisfacción veu para os arqueólogos cando traballaron na plataforma superior, xa que descoñecían se do antigo castelo se conservarían restos pétreos de relevancia. “Tan só coa limpeza que fixemos atopamos estruturas de pedra do castelo importantes”, subliñou o director da intervención. Durante os traballos realizados, ademais de descubrir e rexistrar os rebaixes, as escaleiras labradas na rocha e demais indicios da súa ocupación, deixouse ao descuberto a entrada sur da fortaleza, cuxa existencia xa se coñecía, e atopouse unha “impresionante” entrada norte, tamén de pedra, cunha anchura de 1,2 metros e curvatura no seu trazado. Tamén quedaron á vista estruturas do que se albisca como o posible torreón do castelo e o que parece un xogo medieval tallado nas rochas.

 

 

 

 

Vía de paso

O xacemento, relatou Adolfo Fernández, trataríase dunha especie de “castellum”, fortalezas pequenas, non habitacionais, cunha función militar, non relixiosa, e de control do territorio, neste caso da vía de paso entre o val do Limia e o de Arnoia. Feitas en lugares de altura e fortificadas, estas construcións responderían a un momento de inestabilidade no territorio. A localización deste castelo altomedieval en San Salvador dos Penedos, comentou o arqueólogo, non é casual, xa que nas ladeiras do val de Arnoia, lembrou, “concéntrase a maior cantidade de restos da época altamedieval de Galicia”, na súa inmensa maioría construcións de culto cristián. A datación do Castelo de Mouresiños estaría entre os séculos VIII e XI, un período de séculos escuros. “Fáltanos moito por coñecer do xacemento pero esta primeira incursión foi moi prometedora. Ao ver o tipo de estruturas atopadas xa queda claro que merece a pena escavar”, comentou Adolfo Fernández. O estudo en profundidade deste enclave é relevante porque, lembrou, a falta de textos da época e de proxectos arqueolóxicos que aborden este período histórico “fai que sexa moito menos coñecido que os períodos prerromano (castrexo), romano ou mesmo o pleno medieval”.

Por último, o proxecto levado a cabo inclúe a habilitación dun camiño/sendeiro desde o Camiño de Santiago ao seu paso pola aldea de San Salvador, que permitirá o acceso e a visita ao xacemento do Castelo de Mouresiños. “O proxecto tamén pretende xerar un novo valor patrimonial visitable en Allariz, nunha contorna de alto valor paisaxístico e patrimonial”, indicou Adolfo Fernández.