DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso centrado na innovación e o emprendemento

A Cátedra Bancaja amosa as posibilidades da consultoría como nicho de emprego para mozos e mozas

O primeiro convidado, G. Estévez, de DPI Consultores, centrouse en aclarar en que consiste esta prof

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/09/2011
O máis básico para que unha empresa de consultoría poida desenvolver o seu tráballo é que exista unha necesidade dos seus servizos, non sirve con ofrecelos. Ten que ser o empresario o que se decate de que precisa axuda para que os consultores poidan comezar o proceso de diagnose do problema, artellar a solución e velar porque esta sexa aplicada, porque non basta con dicirlle ao cliente o que ten que facer, "temos que axudalos a facelo". Así resumía Gerardo Estévez, director xeral de DPI Consultores de Dirección, o punto de partida do seu traballo no primeiro dos relatorio do curso de Consultoría para a Innovación e o Emprendemento que se desenvolve ao longo desta semana no campus do Vigo, organizado pola Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores en colaboración coa Área de Emprego da Universidade.

A idea, como explicada a directora da cátedra, Ana Gueimonde, na presentación do curso, é iniciar aos estudantes e titulados, especialmente do eido das enxeñarías e da empresa, “nas técnicas, metodoloxías e capacidades da consultoría”, xa que estas empresas son un nicho de emprego e de emprendemento, “son empresas que se dedican a asesorar a outras empresas, implantando métodos de xestión e isto tamén é transferencia do coñecemento”.

O director da Área de Emprego, Jose Ignacio Armesto, remarcou tamén a colaboración do servizo que coordina coa Cátedra Bancaja para sacar adiante máis iniciativas coma estas que redunden nas posibilidade de emprego e de emprendemento para o estudantado, entre elas un curso a vindeira semana sobre Competencias Directivas.

Partindo da necesidade

A consultoría consiste en responder ás demandas de axuda das empresas unha vez que estas identifican unha necesidade ou unha situación insatisfactoria susceptible de mellora. A importancia do traballo realizado reside tamén na independencia, “xa que ao non pertencer ao organigrama podemos dicir sen compromiso as carencias que detectamos e as recomendacións precisas”. Para Gerardo Estévez outro punto fundamental dos consultores é a integridade, xa que “non nos podemos limitar a identificar problemas e propoñer solucións, senón que debemos recomendar as medidas a adoptar e incluso ofrecer acompañamento para a súa implantación”. Por outra banda, o convidado desta primeira xornada do seminario apuntou que o consultor “ten que orientar á mellora dos sistemas de dirección e dos directivos da empresa que propicien a mellora da competitividade da organización; combina polo tanto aspecto ligados á técnica (ferramentas e sistemas) e ao humano (destrezas e habilidades).

O curso continuará ao longo de toda a semana no Edificio Miralles con convidados de diversas empresas do sector incluíndo unha saída práctica ao campo de golf de Rois da man da spin-off da Universidade Qcoach para practicar outdoor training aplicado á práctica do golf, aprendendo a desenvolver competencias relacionadas coa mellora do rendemento persoal e o traballo en equipo mediante a práctica deste deporte.