DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premios Nobel como Barack Obama e Barry Barish, formarán aos 300 seleccionados 

O catedrático Jesús Simal representará á Universidade no I Cumio de Innovación Tecnolóxica e Economía Circular

A iniciativa da Advanced Leadership Foundation desenvolverase en Madrid o 6 e xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 02/07/2018

300 persoas, das que 19 son galegas, elixidas de entre case 2000 candidatas e candidatos de toda España, participarán o vindeiro venres 6 de xullo en Madrid no I Cumio de Innovación Tecnoloxía e Economía Circular, organizado pola Advanced Leadership Foundation, e no que , catro premios Nobel e outros líderes nacionais e internacionais, formarán ás persoas seleccionadas, tanto en innovación tecnolóxica, como en economía circular. O catedrático e vicerreitor de Internacionalización da Universidade de Vigo, Jesús Simal, é unha das persoas seleccionadas para participar no cumio, que ten o obxectivo de concienciar sobre os beneficios sociais e medioambientais da innovación tecnolóxica e a economía circular, así como crear unha rede nacional de “activistas civís”, que se encargarán de difundir este novo modelo a través de charlas por toda España.

“Apetecíame saír da miña zona de confort e apostar por novos proxectos ilusionantes que contribúan a mellorar a calidade de vida das xeracións vindeiras” explica Simal, que como catedrático da área de nutrición e bromatoloxía, que investiga temas de calidade ambiental e seguridade alimentaria, asegura que “me interesa a innovación e a xeración e transmisión do coñecemento en todos estes aspectos”. Xunto a Jesús Simal, completan a lista de participantes no cumio, representantes da economía e os negocios, líderes de agrupacións culturais e sociais comprometidos co desenvolvemento sostible, o emprendemento e a economía circular, así como a cooperación internacional, a innovación, o medio ambiente e as novas tecnoloxías.

A Advanced Leadership Foundation, impulsora da iniciativa, é unha organización sen ánimo de lucro, con sede en Washington DC e delegacións en Madrid e Bos Aires, comprometida coa identificación e formación de líderes mundiais, para o que realiza programas de desenvolvemento laboral e formación executiva en EEUU e outros países do mundo.

De Barry Barish a Barack Obama, pasando por Ndaba Mandela 

O catedrático da Universidade de Vigo considera que “como cidadán do mundo e, ante problemas globais, cómpre actuar de xeito coordinado, colaborando entre áreas de coñecemento que se complementan, para abordar desafíos futuros, entre os que se atopa a economía circular, a innovación e o desenvolvemento sostible”. Para Simal, estar en contacto con especialistas mundiais ten grande interese, toda vez que acaba de incorporarse á fronte da Vicerreitoría de Internacionalización e entre as e os participantes destaca, no ámbito científico, a posibilidade de coñecer a opinión do experto en ondas gravitacionais e Nobel de Física Barry Barish. “No socio-político, será un pracer escoitar os discursos do expresidente Barack Obama ou do neto de Mandela, que mantén vivo o seu legado, alimentando a súa mensaxe de que unha persoa pode facer a diferencia”, explica Simal, que tamén destaca a presenza no cumio de Cristina Garmenedia, presidenta de Cotec, que achegará a súa visión da biotecnoloxía.

Os premios Nobel de Economía dos anos 2010 e 2014, Christopher A. Pissarides e Finn Kydland, respectivamente, completan a relación de galardoados pola academia sueca que participarán no cumio, no que tamén tomarán parte Dasho Karma Ura, ministro da Felicidade do reino de Bután; Zurab Pololikashvili, secretario xeral da Organización Mundial de Turismo ou José Luis Bonet, presidente do Incyde. 

Unha vez rematado o cumio, as e os participantes xa formados terán que actuar como embaixadores do desenvolvemento sostible e a economía circular, a cooperación internacional, a innovación tecnolóxica e a protección do medio ambiente, cun mínimo de 10 presentacións ou a participación en eventos de comunicación en España, ao longo dun ano.