DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Harry Daniels participa nun seminario promovido polo grupo CIES

Un catedrático de Oxford alerta dos “incentivos perversos” que poden derivar en exclusión escolar

A actividade insírese nun proxecto sobre inclusión social e educativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/06/2018

En Inglaterra preto de 7000 nenos e nenas foron expulsados de xeito permanente das súas escolas o pasado ano, dos que preto do 70% eran rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais. Con estas cifras puxo de relevo o catedrático da Universidade de Oxford Harry Daniels a necesidade de abordar, desde a óptica das políticas públicas, a problemática da exclusión educativa e a existencia de “incentivos perversos” como a “presión por mellorar resultados” que no caso de Inglaterra levou aos centros educativos a “competir uns cos outros para elevar os seus estándares”, como salientou na conferencia que este luns impartiu na Casa das Campás no marco do seminario Itinerarios para unha investigación e unha educación máis inclusiva: tecendo redes locais e internacionais.

Promovido polo grupo de investigación CIES, que coordina a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla, este seminario enmárcase dentro das actividades do proxecto Redes de innovación para a inclusión educativa e social, que financia o Ministerio de Economía, Industria y Competitividad. Nun relatorio titulado Políticas económicas de exclusión: o caso de Reino Unido, este experto en procesos de exclusión e inclusión educativa puxo o acento en como, na década de 1980, implantouse neste estado a idea “de que se pode mellorar a educación a través da competición”, que deu pé á súa vez a eses “incentivos perversos que fan que as políticas se contradigan entre si”, como acontecería coas leis a favor da inclusión educativa ante esa “gran presión por mellorar resultados” para a obtención de financiamento, que deriva en que “cando tes poucos recursos non podes elevar os estándares e incluír a todo o mundo”. 

Nese senso, Daniels deu conta do traballo que desenvolve xunto cun equipo interdisciplinar do que forman parte avogados, psiquiatras, psicólogos ou educadores sociais, co propósito de “tratar de entender as políticas que se atopan detrás da exclusión”. Neste punto, o investigador da Universidade de Oxford incidiu na existencia de “grandes diferencias entre as razóns para expulsar” a un alumno ou alumna, como un mal comportamento que “pode non ser a verdadeira razón”, razóns que derivan á súa vez de como as políticas públicas “se aplican en institucións concretas”. De feito, contrapuxo as preto de 7000 expulsións que se deron en Inglaterra ao feito de que en Escocia só se dera un caso deste tipo o pasado ano. “Queremos ver se realmente a situación é mellor en Escocia ou existen outras formas non oficiais de que a xente sexa excluída”, sinalou respecto da problemática do abandono escolar que, apuntou “seguramente está a pasar tamén, dunha forma non oficial, noutros países”. 

Como inflúe o sentimento de pertenza á escola?

A actividade que reúne a diferentes expertas e expertos en Pontevedra nas xornadas de luns e martes insírese nun proxecto de investigación que promoveu a creación de diferentes grupos de traballo nos que investigadoras e investigadores traballan xunto a representantes de diferentes colectivos e institucións. Proxecto que, no caso de Pontevedra, levou á creación de seis grupos de traballo que desenvolven seis “mini-proxectos” centrados en aspectos como o fracaso escolar ou a violencia machista, dos que Parrilla deu conta no primeiro relatorio deste seminario xunto coa profesora da Universidad de Sevilla Carmen Gallego, quen presentou á súa vez as inicitivas que desde esta universidade se están a desenvolver ao abeiro dun proxecto no que tamén participan as universidades do País Vasco e Cantabria.

Por outra banda, o seminario contou tamén coa participación da catedrática da Universidade de Reading Jill Porter quen centrou a súa intervención nun dos aspectos que centran unha dos micro-proxectos a desenvolver en Pontevedra, a análise de como o sentimento de pertenza ou desconexión coa institución escolar pode influír no rendemento académico de nenos e nenas, campo no que Porter deu conta da investigación que actualmente desenvolven no condado británico de Oxfordshire.”Investigacións previas enfatizaban moito a interacción cos compañeiros e profesorado como algo importante na vida escolar, polo que estamos interesados en ver se intervir para facelos sentirse máis conectados coas escolas fai que os seus resultados sexan mellores”, sinalou esta experta, que incidiu así mesmo na importancia que ten tamén a relación coa contorna na que se insiren os centros educativos. 

Unha ruta inclusiva por Pontevedra

Tras esta serie de relatorios, o seminario continúa na tarde deste luns cun grupo de discusión centrado neste proxecto de investigación que, na mañá do martes, dará pé a unha “ruta inclusiva” na que as e os participantes no seminario visitarán diferentes centros e institucións que forman parte dos grupos de traballo que desenvolven os seis “mini-proxectos” que se insiren na investigación. Así, as expertas e expertos participantes manterán encontros con representantes do Centro de Recursos Educativos da ONCE, o IES Frei Martín Sarmiento, a Escola Para Adultos Río Lerez, a Federación Provincial de ANPA e o centro de maiores Saraiva Sénior, á vez que serán obxecto dunha recepción no Concello por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Educación, Carme Fouces.